Powered By Blogger

sábado, 20 de abril de 2013

NAZIS NA RÍA DE VIGO

Vigo foi durante a Segunda Guerra Mundial unha gran base de submarinos alemáns, vital para as súas operacións no Atlántico e como escala cara ao Mediterráneo. Centos de "U-Boot", os temibles sumerxibles que acosaron á flota mercante aliada, recalaron na Ría, onde se abastecían de combustible no buque tanqueiro Bessel, desembarcaban os feridos e dábase descanso ás tripulacións en refuxios secretos na cidade e na veciña Redondela. Así o confirman novos datos xurdidos da publicación pola Mariña de Estados Unidos dos interrogatorios realizados entre 1942 e 1944 aos supervivientes de medio centenar de submarinos nazis, afundidos durante a contenda. Nos seus relatos, os mariños alemáns citan a Vigo como un porto habitual de escala. Foi por iso que a RAF e a Forza Aérea de Estados Unidos chegaron a facer constantes patrullas aéreas fóra das Cíes, e destacáronse fronte a Vigo fragatas como a Wanderer ou a corbeta HMS Walflower, coa misión de acosar ás "mandas de lobos", como gustaba de chamar á súa frota de submarinos o seu máximo responsable, o almirante Doenitz.






Froito desas patrullas, tres submarinos –o U-506, o U-134 e o U-523- foron afundidos fronte ás Cíes en 1943, mentres que un cuarto, o U-760, houbo de refuxiarse en Vigo con serios danos tras un ataque e, finalmente, trasladado a Ferrol, sendo retirado da contenda e desguazado en 1945.
Os interrogatorios da Mariña de Estados Unidos ofrecen información en primeira persoa. O capitán do U-172, Hermann Hoffmann, relata cómo abasteceu ao seu buque en Vigo na súa última misión, antes de ser afundido o 13 de decembro de 1943 no medio do Atlántico, tras 27 horas de loita contra un avión estadounidense. Trece tripulantes morreron e os 46 sobrevivintes foron interrogados ata obter un completo informe de 80 folios. Nel, Hoffmann detalla que encheu dentro de Ría, co tanqueiro Bessel e cómo patrullou fronte ás Cíes "mergullado de día e emerxido de noite, para evitar os radares inimigos, un avión de patrulla que sobrevoaba a zona, e ser descubertos polos barcos pesqueiros locais".



Silencio informativo.

Os vigueses vivían alleos ás actividades das "mandas de lobos" do III Reich na súa costa. FARO DE VIGO, que informaba sobre afastadas batallas en Xapón, Italia ou a fronte rusa, non recolle nin unha liña sobre os ataques de submarinos a escasas millas das Cíes. Nin sequera é noticia cando, o 8 de setembro de 1943, entra na Ría penosamente o U-760, logo de ser atacado por un avión británico "Wellington" no cabo Fisterra. E iso que este submarino pasa emerxido fronte a Bouzas, onde ese día se celebraba unha populosa regata de traíñas. O U-760 permanecerá 24 horas amarrado á Estación Marítima, intentando a súa reparación. Pero este é o prazo máximo legal de estancia dun buque de guerra nun porto neutral, co que as autoridades non teñen outro remedio que levalo a Ferrol, onde estará ata o seu traslado ao Reino Unido en 1945, para ser afundido xunto a outros centos de "U-boots" na operación "Deadlight". O caso do U-760 é silenciado, mentres se mantén un absoluto segredo sobre as operacións constantes dos submarinos en Vigo. Na película "Das Boot" ["O Submarino"], dirixida por Wolfgang Petersen, retrátase a vida a bordo do submarino U-96. O filme está baseado nun libro escrito polo xornalista de guerra Lothar-Günther Buchheim quen, efectivamente, viaxou a bordo do sumerxible. Tanto no libro como na película relátase a escala que a nave fai en Vigo para encher co Bessel antes de dirixirse á súa misión principal: bloquear o Estreito de Xibraltar.

Refuxios nazis.

A ficción cinematográfica retrata o que foi a realidade da II Guerra Mundial. Aínda que Vigo non era unha base oficial dos submarinos, como o foron os portos franceses de Brest, Saint Nazaire ou A Rochelle, si era unha escala vital para as operacións máis aló da Canle da Mancha. Mentres os medios de comunicación e o Goberno silenciaban esta colaboración co Reich, en Vigo sabíase ben que facían os sumerxibles. Os capitáns e militares de alto rango descansaban nun pazo situado ás beiras do río Verdugo. Así mesmo, o Colexio Alemán, situado na actual rúa Pi e Margall, era un auténtico refuxio nazi, que ocultaba a militares, espías e tripulantes de submarinos no seu tránsito pola cidade. Tal foi a implicación desta escola co III Reich que, en 1945, foi confiscada polos Estados Unidos, dentro do convenio de indemnizacións trala guerra. Washington vendeuno logo ao goberno español -como os outros colexios alemáns de Cádiz, Madrid ou Alacante- e, á súa vez, foi revendido aos alemáns. Xunto aos simpatizantes de Hitler -que eran maioría en Vigo, seguindo as consignas do Réxime de Franco-, convivían tamén colaboradores dos aliados, entre os que a familia de consignatarios Durán eran os máis destacados.
Este sector anglófilo non dubidaba en pasar a Londres información sobre os movementos de submarinos, que eran atacados en canto abandonaban a Ría. 1943 foi o ano de actividade máis intensa para os "U-boot".




As múltiples baixas foron mermando a frota de Doenitz ata quedar fóra de servizo ao final da contenda. Pero, durante boa parte da II Guerra Mundial, a ría de Vigo foi o acubillo das "mandas de lobos".


Tres afundidos fronte a Cíes e a aventura do "U-760".

Tres submarinos alemáns foron afundidos polas forzas aliadas en combates fronte ás Cíes no ano 1943. O primeiro foi o U-506, que ás 15.50 horas do 12 de xullo recibiu o impacto de sete cargas de profundidade lanzadas por un avión norteamericano B-24 "Liberator". Houbo 48 mortos e só seis sobrevivintes. A Royal Air Force británica afundiu un mes máis tarde, o 24 de agosto, o U-134 fronte á Ría de Vigo. Ao día seguinte, o 25 de agosto, a corbeta HMS Walflower e a fragata HMS Wanderer logran afundir o U-523 ao Oeste das Cíes. Finalmente, houbo un submarino que se salvou dos ataques. Foi o U-760, cuxa historia vimos de relatar unas liñas máis arriba. Os pecios dos tres submarinos afundidos están localizados por coordenadas exactas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario