TRABALLO
SOBRE A CRISE DA RESTAURACIÓN.
ORIENTACIÓNS:
Baseándote nos seguintes documentos debes compoñer
un texto sobre a crise da Restauración, aberta coa perda das colonias
ultramariñas en 1898. Na redacción debes abordar as seguintes cuestións:
-A disposición do
Exército a participar e tutelar a vida política, que culmina no pronunciamento
de 1923.
-A agudización dos
problemas bélicos en Marrocos, exemplificada no desastre de Annual.
-A exasperación da crise
social, coa folga de 1917 como expresión representativa desta.
-A crise política,
manifestada na inestabilidade gobernamental que reflicte a insostibilidade do
modelo bipartidista e o crecente protagonismo de forzas políticas alleas a este
(republicanas, de esquerda, nacionalistas…).
-O pronunciamento
de Primo de Rivera e a instauración da ditadura, como demostración final da
incapacidade do réxime constitucional de enfrontar eficazmente os problemas.
Doc. 1.-Artigo publicado na revista El Ejército
Español en 1905:
“Aos separatistas
cataláns dilles que xa rematou a época das contemplacións; que de hoxe en
diante non se poderá berrar „¡Morra España! sen que quen o berre saiba que é
perigosísimo o berralo. Aos gobernos dilles que tamén pasou a época en que
poidan amosárense débiles; que é preciso arrincar de raíz a semente separatista
custe o que custe. E ás Cortes dilles así mesmo que se por imprevisión dos
lexisladores non hai leis contra o separatismo, as fagan axiña, porque
entrementres o Exército aplicará a lei suprema, a que dita o seu inquebrantable
amor a España unha e intanxible”.
Doc. 2.-A UGT e a
CNT convocan unitariamente a folga xeral en agosto de 1917:
“Pedimos
a constitución dun Goberno Provisional que asuma os poderes executivo e
moderador, e prepare, previas as modificacións imprescindibles nunha
lexislación viciada, a celebración de eleccións sinceras, dunhas Cortes
Constituíntes que aborden en plena liberdade os problemas fundamentais da
constitución política do país. Mentres non se acade ese obxectivo, a
organización obreira está absolutamente decidida a manter a súa actitude de folga.
Cidadáns: non somos instrumentos de desorde, como na súa impudicia nos chaman
con frecuencia os gobernantes que padecemos. Aceptamos unha misión de sacrificio polo ben de todos, pola salvación
do pobo español, e solicitamos o voso concurso. ¡Viva España!”.
Doc. 3.-Viñeta alusiva ao desastre de Annual (1921)
|
Doc. 4.-A
inestabilidade dos gobernos, 1917- 1922:
|
|
Doc. 5.-En setembro
de 1923, o xeneral Primo de Rivera xustifica así o seu golpe de Estado,
aprobado pola Coroa:
“Españois: Chegou
para nós o momento máis temido que esperado (...) de atender o clamoroso
requirimento de cantos amando á Patria non ven para ela outra salvación que
liberala dos profesionais da política, dos homes que por unha ou outra razón
nos ofrecen o cadro de desventuras e inmoralidades que comezaron o ano 98 e
ameazan a España cun próximo fin tráxico e deshonroso. A mesta rede da política
de concupiscencias colleu nas súas mallas, secuestrándoa, ata a vontade real
(...).
Pois ben, agora
imos solicitar todas as responsabilidades e gobernar nós ou homes civís da nosa
moral e doutrina.
Non
temos que xustificar o noso acto, que o pobo san demanda e impón. Asasinatos
(...), atracos, depreciación da moeda (...), rastreiras intrigas políticas
tomando por pretexto a traxedia de Marrocos (...), precaria e ruinosa a
produción agrícola e industrial, impune propaganda comunista, impiedade e
incultura, xustiza influída pola política, descarada propaganda separatista
(...). Non vimos chorar penas e vergoñas, senón poñerlles pronto radical
remedio, para o que requirimos o concurso de todos os bos cidadáns”.
++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++
COMPOSICIÓN:
COMPOSICIÓN:
Entre 1875 e 1923 estivo vixente en España o réxime
da Restauración, un sistema deseñado basicamente polo político liberal
conservador Antonio Cánovas del Castillo
coa finalidade de frear as conquistas democráticas que se produciran durante o
Sexenio Revolucionario. Este sistema caracterizouse por descansar sobre tres
principios: a monarquía constitucional, a quenda pacífica entre os partidos
liberais no poder, e o transaccionismo en materia de dereitos e deberes. En
síntese, funcionou como un réxime oligárquico, clerical en moitos aspectos, sen
democracia, pseudoparlamentario, no que o caciquismo e a fraude electoral
contribuían a asegurar o monopolio do poder e a hexemonía económica e social
por parte dos grupos dominantes.
Politicamente o sistema mantívose estable ao longo
do reinado de Alfonso XII e a Rexencia de Maria Cristina de Habsburgo ata
finais do século, cando empezaron a cobrar forza o movemento obreiro, as
accións violentas do anarquismo e os movementos de carácter rexionalista e
nacionalista. A insurrección cubana e a posterior guerra cos Estados Unidos –o
desastre do 98-, que supoñen a perda definitiva das posesións españolas en
América e o Pacífico, non provocaron a quebra do sistema político nin unha
grave crise económica, pero puxeron de manifesto a incapacidade da oligarquía
dominante para modernizar o país que ía gobernar o rei Alfonso XIII ao acadar a
maioría de idade. A conmoción do desastre do 98 forzou aos partidos dinásticos
a iniciar unha política reformista. Pero tanto os proxectos renovadores do
conservador Maura, como os do liberal Canalejas, non conseguiron modernizar en
profundidade o vello sistema da Restauración nin democratizar realmente a vida
política do País.
Os documentos que se nos presentan a continuación
dánnos unha idea da incapacidade do sistema da Restauración para solucionar, na
súa etapa final, os múltiples problemas existentes dentro do marco
constitucional. Isto vai propiciar que o xeneral Miguel Primo de Rivera, en
1923, encabece un golpe de Estado que poña fin ao réxime liberal, exercendo o
poder de forma ditatorial ata 1930.
Tas o desastre do 98, existía no seo do Exército un
ambiente de frustración e resentimento, ao responsabilizar do fracaso aos
políticos. Os militares fóronse pechando progresivamente nunha actitude de
defensa corporativa dos seus intereses e desde posturas cada vez máis
conservadoras e autoritarias. Se ao longo do século XIX coas súas accións
apoiaban a unha ou outra facción política liberal, agora considerábanse
salvadores da patria e a unidade nacional, tal como se reflicte no doc. 1,
que é un artigo publicado na Revista El Ejército
Español de 1905, coincidente no tempo co asalto de oficiais da guarnición
de Barcelona contra redaccións de prensa satírica nas que se defendía o
catalanismo e se criticaba ao Exército. A Lei de Xurisdiccións de 1906 deulle ao
Exército máis folgos ao someter a código militar o xuízo de delitos de opinión
e obra contra a unidade da patria e contra o exército. A creación das Xuntas de
Defensa en 1916 non veu senón agudizar máis esa crecente influencia dos
militares na política do país. Como consecuencia das guerras coloniais existia
un número excesivo de oficiais con relación ao de soldados e un agravio
comparativo entre os africanistas, -que obtiñan ascensos por méritos de guerra-
e os peninsulares, estes últimos organizados nas Xuntas para reclamar aumento
salarial, a fin da discriminación nos ascensos e para culpar ao Goberno dos
males do exército e do país.
Certos sectores
da oposición coidaban que o exército podería sumarse a un movemento que esixise
a renovación política nacional. Os acontecementos posteriores demostrarían que
as súas reivindicacións tiñan pouco que ver coas dos distintos sectores sociais
e máis ben eran de carácter corporativista en defensa dos seus intereses. O uso
do exército cada vez con máis frecuencia
como axente represor nos episodios revolucionarios , contribuiu a facelo
presentarse como unha solución de forza capaz de salvar á monarquía.
Desde a
Conferencia de Algeciras de 1906, España chega a acordos con Francia para
compensar a perda de Cuba e Filipinas co dominio colonial do norte de Marrocos,
que se materializan coa creación en 1912 dun protectorado que vai dende Larache
até Melilla. As tribus bérberes desa rexión montañosa (O Rif), as chamadas
cabilas, dominadas por caudillos locais como Abd El-Krim, opostas ao dominio
español, van converter a cuestión marroquí
-a ocupación e pacificación do territorio- nun problema de primeira
magnitude para os gobernos españois, causando graves tensións políticas,
militares e sociais, que terán como punto álxido o desastre de Annual ao que
alude a viñeta do doc. 3, grave derrota do exército español en Marrocos
producida en 1921 como consecuencia dunha ofensiva militar levada a cabo polo
xeneral Silvestre sen contar coas precaucións necesarias, mala equipación e
adestramento das tropas, que supuxo a morte de máis de 10.000 soldados
españois. Das consecuencias desta derrota militar
falaremos máis adiante.
A neutralidade de España na Primeira Guerra Mundial
(1914-18) favoreceu unha importante expansión económica ao convertirse o noso
país en subministrador de produtos industriais e agrarios dos países
belixerantes. A demanda exterior estimulou o crecemento da produción, pero
tamén trouxo consigo un aumento dos prezos e unha inflación sen precedentes.
Fronte ao facil enriquecemento dos industriais – que acudiron á especulación en
lugar de mellorar o sistema produtivo- as clases populares viron empeorar o seu
nivel de vida, ao non ir a inflación acompañada dun aumento dos salarios.
A conxuntura económica derivada da I G.M. acentuou
as diferencias sociais e creou un clima de tensión que se fixo máis evidente
cando a crise da posguerra puxo fin ao periodo de euforia económica. Esa
tensión estoura en 1917 coa protesta xeralizada de carácter antigubernamental
na que se viron implicados os partidos situados á marxe do turno dinástico, os
militares – como vimos anteriormente- e as organizacións obreiras. A estas
últimas fai referencia o doc. 2, onde observamos como a UGT e CNT, co
apoio do PSOE, deciden facer un chamamento á folga xeral en agosto dese ano;
prooposta que non debía finalizar até que se formase un goberno provisional que
convocase cortes constituíntes. Dita folga tivo unha incidencia desigual, con
episodios violentos en certas capitais e a correspondente acción represiva,
condenando en consello de guerra aos promotores.
A consecuencia máis importante dos acontecementos de
1917 foi a formación de sucesivos gobernos de concentración. Tal como se
aprecia no doc. 4 , esa sucesión de gobernos evidencia que non conseguiron consensuar un programa
común que dera satisfacción a todas as forzas políticas que os compuñan. A
dimisión frecuente de ministros e a retirada do apoio dos partidos ao Goberno na convicción de que estar no poder
acarreaba máis prexuício cá beneficios, estaba á orde do día. Por iso se voltou
á quenda dinástica na que se coñeceron
até 10 cambios de Goberno en cinco anos. A pesar de recurrir á fraude
electoral, ningún partido dinástico reuniu a maioría parlamentaria necesaria
para gobernar, sendo constante o recurso a medidas de excepción, a suspensión
das garantías constitucionais e á clausura do parlamento.
Os acontecementos de Annual de 1921, acabaron por
crispar á opinión pública. A prensa e os contrarios á intervención colonial
culparon da derrota ao Goberno e o Exército, e acentuosuse máis o distanciamento
entre os militares e a clase política. A iniciación dunha investigación
parlamentaria – o denominado Expediente
Picasso- provocou fortes debates nas Cortes e contou coa oposición do Exército,
que quería frear ese asunto xa que do mesmo se podían derivar responsabilidades
dos mandos militares e mesmo implicar ao propio Alfonso XIII. Desde as filas
socialistas, co apoio republicano, esixíronse medidas drásticas que apuntaban
directamente ao exército e o Rei pola súa amizade co xeneral Silvestre, quen, presionado polo monarca, se tería visto impulsado a a comezar a ofensiva sen
tomar as debidas precaucións.
Días antes da data prevista para a discusión do
Expediente Picasso nas Cortes, prodúcese o13 de Setembro de 1923 o golpe de Estado do xeneral Miguel Primo de Rivera,
que se pronuncia contra a legalidade consitucional, declara o estado de guerra
e esixe o traspaso do poder aos militares. Tal como se recolle no doc. 5,
Primo de Rivera xustifica o golpe de Estado na idea de que o réxime
constitucional estaba desprestixiado e bloqueado pola incapacidade dos gobernos
para controlar unha situación de terrorismo, radicalización dos “separatismos”,
e de grave perigo de revolución social. Presenta a súa acción non como un fin,
senón como un remedio, enchendo o seu discurso de pretensións rexeneracionistas
e mesmo moralistas, ao centrar a crítica na “vella política” para gañarse a adhesión
popular mediante acenos populistas.
Ao día seguinte do pronunciamento, Alfonso XIII
chama a Primo de Rivera para que asuma o poder, aceptando así o golpe de
Estado. A situación non era unha excepción en Europa; en países como Italia,
Hungría, Polonia, Iugoslavia ou Portugal, con problemas similares, tamén
estaban tomando o poder gobernos autoritarios ou fascistas, dentro dun contexto
de crise xeral do sistema liberal.
Iníciase así unha Dictadura, primeiro militar, e logo
civil, que se prolongará por espazo de sete anos (1923-30).
Ningún comentario:
Publicar un comentario