Powered By Blogger
Amosando publicacións coa etiqueta SÉCULO XIX. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta SÉCULO XIX. Amosar todas as publicacións

luns, 12 de marzo de 2018

PROBAS SELECTIVIDADE 5 - A RESTAURACIÓN BORBÓNICA

O SISTEMA POLÍTICO DA RESTAURACIÓN
ORIENTACIÓNS: Os seguintes documentos permiten elaborar unha composición sobre os fundamentos políticos da Restauración borbónica e o funcionamento real do sistema. Na redacción, debes abordar as seguintes cuestións: A concepción do sistema como unha monarquía constitucional; a dinámica da “quenda pacífica” entre dous partidos; a manipulación caciquil e electoral. Lembra que non se trata de responder a preguntas illadas, senón de realizar unha composición coherente e argumentada, e que na avaliación se terán en conta os coñecementos, a utilización dos documentos e a corrección da expresión escrita.
Doc.1.-O Manifesto de Sandhurst presenta en 1874 o programa político da Restauración:
“Orfa a nación agora de todo dereito público e indefinidamente privada das súas liberdades, natural é que volva os ollos ao seu habitual dereito constitucional e a aquelas libres institucións que nin en 1812 impediron que defendese a súa independencia nin rematar en 1840 outra empeñada guerra civil (...).
Afortunadamente, a Monarquía hereditaria e constitucional posúe nos seus principios a necesaria flexibilidade (...) para que todos os problemas que traia o seu restablecemento consigo sexan resoltos de conformidade cos votos e a conveniencia da nación. Non hai que agardar que decida eu nada en firme e arbitrariamente; sen Cortes non resolveron os negocios arduos os Príncipes españois alá nos antigos tempos da Monarquía, e esta xustísima regra de conduta non hei esquecela eu na miña condición presente, e cando todos os españois están xa afeitos aos procedementos parlamentarios”.
Doc.2.-Constitución de 1876:
“Don Alfonso XII, pola Graza de Deus, rei constitucional de España; a todos os que as presentes viren e entenderen, sabede: Que en unión e de acordo coas Cortes do reino, actualmente reunidas, viñemos en decretar e sancionar a seguinte Constitución da Monarquía española (...):
Art.11. A relixión Católica, Apostólica e Romana é a do Estado. A nación obrígase a manter o culto e os seus ministros (...).
Art.18. A potestade de facer as leis reside nas Cortes co Rei.
Art.19. As Cortes están formadas por dous corpos colexisladores iguais en facultades: o Senado e o Congreso dos Deputados (...).
Art.50. A potestade de facer executar as leis reside no Rei (...)”.

Doc.3.-Gobernos da quenda pacífica, 1875-1902: 

1875-1881 Cánovas, Martínez Campos

1881-1884 Sagasta, Posada Herrera
1884-1885 Cánovas
1885-1890 Sagasta
1890-1892 Cánovas
1892-1895 Sagasta
1895-1897 Cánovas
1897-1899 Sagasta
1899-1901 Silvela, Azcárraga
1901-1902 Sagasta

Doc.4.-Benito Pérez Galdós critica o caciquismo en Política española (antoloxía de artigos), 1884:

“Consecuencia de todo iso é o caciquismo, o entronizamento de certos individuos nas localidades, os cales, como instrumentos do deputado, son donos dos resortes administrativos (...). O cacique dá e quita os miserentos postos de traballo que gozan os máis pobres do lugar; seus son o carteiro, o secretario do Concello, o peón camiñeiro, o expendedor de efectos estancados. O cacique é quen, ao facer o reparto da contribución, carga a man ao adversario, alixeirando ao amigo (...). Verdade é que o tirano da aldea, que tan grandes servizos presta ao deputado, someténdolle a localidade, abruma a este coas súas esixencias (...)”.
Doc.5.-Valentí Almirall, republicano federal, denuncia o fraude electoral (1880):

“Entre nós reina a farsa en toda a súa crueza, unha farsa completa, exclusiva das eleccións españolas. O mesmo se o sufraxio é universal que restrinxido, nunca hai máis que un só elector: o ministro da Gobernación. Este cos seus gobernadores de provincia e o innumerable exército de empregados de todas clases, sen excluír os altos cargos da maxistratura e do profesorado, prepara, executa e consuma as eleccións (...), dende o fondo do seu despacho, situado no centro de Madrid (...). Nada hai que sexa sagrado: listas electorais, urnas, escrutinio, todo é falseado polos nosos políticos baixo a inmediata dirección do gobernador civil de cada provincia”.

MODELO DE PROBA:
AS BASES DA RESTAURACIÓN BORBÓNICA


Dende 1876 ata 1923, aínda que con moitas dificultades ó final, estivo vixente en España un mesmo sistema político, coñecido como o sistema da Restauración ou sistema canovista (por ser Cánovas del Castillo o seu principal creador) que imos analizar a través deste conxunto de documentos que agora se nos presentan. Tratouse dun sistema conservador, que beneficiaba ós grupos dominantes e que resultaba moi pouco democrático. Pretendíase acabar con algún dos problemas do Estado español típicos da etapa anterior, como o monopolio do poder por parte dos moderados, a intervención dos militares na vida política mediante os pronunciamentos ou os enfrontamentos civís entre os españois. A Restauración, que coincide no tempo cos reinados de Afonso XII e Afonso XIII, foi un longo período da nosa historia contemporánea, un tempo de estabilidade constitucional, de modernización económica e de alonxamento do exército da vida política, pero tamén foi unha época de dominio da burguesía oligárquica, de caciquismo e de fraude electoral.
O principal ideólogo do sistema da Restauración foi Antonio Cánovas del Castillo, un político conservador e pragmático ó mesmo tempo. Aproveitándose da crise da Primeira República, foi tecendo unha ampla rede de apoios á causa borbónica entre grupos de militares, aristócratas e burgueses, temerosos do avance das conquistas democráticas que se produciran durante o Sexenio. Claro defensor da monarquía encarnada nos Borbóns, impulsou os contactos co Príncipe de Asturias e fillo da exilada raíña Isabel II, Afonso, preparando o terreo para a súa chegada a España.

En 1874 redacta, en nome do futuro rei, o Manifesto de Sandhurst (doc.1) – chamado así por ser a academia militar británica onde Afonso, de dezasete anos, estaba rematando a súa formación- . Este manifesto responde aos intereses dos que buscaban unha orde liberal estable, así como poñer fin ao deterioro político, á guerra carlista e á insurreción cubana. Co manifesto, apélase á lexitimidade histórica de dous elementos propios da tradición española: a Monarquía (que representaría a tradición e a autoridade) e as Cortes (representando a liberdade e a vontade do pobo). Estas dúas institucións podían representar á nación estando equilibradas e compartindo a soberanía. A Coroa debía ser a peza clave do sistema, a que garantise a orde social vixente; pero unha vez asegurado o principio monárquico hereditario na familia de Afonso XII e as súas prerrogativas políticas, todo o demais podía ser obxecto de discusión e elaboración nas Cortes.

O 29 de Decembro dese ano, o xeneral Martínez Campos dá un pronunciamento en Sagunto proclamando rei a Afonso XII, sin apenas oposición no país. Unha vez instalado o monarca en España e nomeado xefe de Goberno Cánovas, este convocou eleccións constituíntes para asentar as bases políticas da monarquía, eleccións que foron amplamente gañadas polo partido do goberno. As novas Cortes, seguindo os principios canovistas, aprobaron a Constitución de 1876 (doc. 2) na que se establecía o modelo político que responde a unha monarquía constitucional doutrinaria conservadora. A Constitución de 1876 foi elaborada co obxectivo de obter un texto breve e flexible, á medida do sistema canovista, e dos dous grandes partidos dinásticos que terán protagonismo na Restauración, o que permitiu que tivese unha longa vixencia (47 anos). Nela aparecen recollidos os puntos fundamentais do novo modelo a impoñer. Inspirada nos principios do liberalismo doutrinario, e sobre todo na Constitución moderada de 1845, trata de combinar elementos típicos do pensamento conservador, como a defensa da familia, da relixión e da propiedade, abríndose a algúns dos elementos democráticos da Revolución de 1868. Os principais trazos da nova Constitución foron:
-O rei gozaba de importantes poderes (compartía a soberanía coas Cortes, nomeaba libremente o goberno e os ministros sen a aprobación das Cortes e que eran responsables ante o Parlamento, sancionaba e promulgaba as leis, posuía iniciativa legal e dereito de veto, puidendo ademais suspender e disolver as Cortes). Ademais, era o comandante supremo das forzas armadas, un auténtico rei-soldado, e dirixía a política internacional. A Coroa era un dos principais pilares do novo réxime.
-En canto ás Cortes,como se ve no Art. 19º, seguen sendo bicamerais (un Congreso de deputados elexidos e un Senado cunha parte de membros escollidos polo propio rei). As Cortes tiñan iniciativa legal compartida co rei e estaban subordinadas á Coroa (Art. 18º).
-Os dereitos e liberdades aparecían amplamente recollidos, pero sen desenvolver, polo que dependeron de leis posteriores para a súa especificación (lei do sufraxio universal, lei de imprenta, lei de asociación…). Isto permitía ben un tratamento restrictivo (cos conservadores), ou ben liberalizador (cos liberais), de acordo coa vontade do Goberno vixente.
-En canto á cuestión relixiosa, o catolicismo declarouse a relixión do Estado (Art. 11º), pero recoñecéndose a tolerancia das demais relixións (liberdade de conciencia e de culto).
-A Constitución de 1876 , finalmente, defendía un modelo de Estado fortementeunitario e centralista (nese mesmo ano, o Goberno de Cánovas aboliu os privilexios forais vascos e ó ano seguinte aprobou unha nova Lei Municipal de tipo centralista .

No Doc. 3, que é unha relación de periodos de goberno e partidos entre 1885 e 1902, temos unha visión doutro dos principais fundamentos políticos da Restauración: o turnismo. Coñecido tamén como alternancia ou quenda pacífica de partidos, tratábase dun principio político introducido por Cánovas. Este baseaba a estabilidade política na existencia de dous grandes partidos monárquicos, un no Goberno e outro na oposición, que se alternarían de forma pacífica no exercicio do poder. Na tarefa de aglutinar ás forzas dinásticas contou co apoio do outro gran líder político do liberalismo español do momento, Sagasta. Era un modelo bipartidista claramente inspirado no británico, que o propio Cánovas admiraba, adoptando incluso os mesmos nomes. Así, apareceron en España o chamado Partido Conservador (dirixido polo propio Cánovas), e que incluía ós antigos moderados e ós unionistas; e pola outra banda o Partido Liberal, liderado por Sagasta, agrupando ós antigos progresistas, demócratas, radicais e republicanos moderados.

Prácticamente, os dous partidos coincidían no esencial (defensa da monarquía, da Constitución, da propiedade privada, do sistema capitalista e da centralización administrativa). Polo tanto, representaban os intereses da alta burguesía e das clases medias acomodadas. Ademais, eran partidos de minorías, contrariamente a outras forzas cunha maior cantidade de afiliados ou de masas, como o socialista.
Ámbolos dous considerábanse como partidos dinásticos, por defender a Monarquía e aceptar o sistema da Restauración, e foron os únicos que formaron Goberno durante 50 anos (partidos de quenda que se alternaban no Goberno do Estado).
En canto á súa actuación política, as diferencias entre os dous partidos eran mínimas, xa que incluso entre eles pactaran non promulgar leis que tivesen que ser abolidas polo goberno de turno.
Conscientes de que para os seus intereses os cambios de goberno non podían depender dunha auténtica participación democrática do pobo, Sagasta e Cánovas argallaron o sistema da quenda pacífica no poder dos respectivos partidos, un particular “bipartidismo” totalmente amañado e sen depender dos resultados electorais. O sistema funcionaba de tal maneira que cando un Goberno tiña dificultades para seguir a súa labor ou sufrira un forte desgaste político por un determinado conflicto, o rei nomeaba como novo xefe de Goberno ó líder da oposición. Para que puidera gobernar cun amplo apoio parlamentario, o rei disolvería as Cortes e convocaría novas eleccións, que necesariamente tiña que gañar o novo Goberno para ter apoio no parlamento, e sempre se conseguía o éxito electoral, o que nos dá idea do funcionamento anómalo e extraordinario do sistema canovista.

No Doc. 4, o escritor Benito Pérez Galdós fai referencia a unha das ferramentas básicas para que funcionase axeitadamente o sistema canovista: o papel do caciquismo. O control caciquil, polo tanto, foi unha das pezas imprescindibles da quenda pacífica de partidos, xa que o dominio por eles exercido permitía “fabricar” resultados electorais á medida do partido que acababa de asumir o poder. O cacique era un personaxe local que tiña unha gran influencia ou poder sobre as autoridades e sobre os veciños dunha comarca, territorio ou poboación, sobre todo no mundo rural, grazas ó seu control dos concellos, do mercado laboral ou das terras, e que empregaba esta influencia en servicio do candidato do goberno central. Dito poder e influencia están claramente recollidos ó longo do artigo de Galdós. Os caciques eran imprescindibles para controlar os resultados electorais. Nalgúns casos, a forza do caciquismo permitía que moitos distritos fosen sempre controlados pola mesma familia ou saíse sempre elixida a mesma persoa (“distritos enfeudados”). Destacar que o caciquismo foi unha das lacras políticas máis vergonzosas do sistema canovista, e un dos elementos máis criticados pola oposición política.
Por outra banda, e como última base ou piar do sistema canovista, temos o emprego da chamada fraude electoral que denuncia o republicano Valentí Almirall no doc. 5: A necesidade que tiñan os gobernos da Restauración de gañar as eleccións xerais e ter maioría nas Cortes, provocou o seu falseamento permanente e o desenvolvemento dunha ampla rede de relacións e influencias baseada na unión dos notables locais e no rexeitamento e manipulación das masas populares. Nesta fraude electoral tiveron un papel primordial o Ministro da Gobernación, o Gobernador civil e os caciques. O sistema funcionaba de arriba abaixo, seguindo a estrutura da chamada “pirámide da fraude electoral”.

En síntese, o réxime político dominante na Restauración borbónica foi unha Monarquía constitucional doutrinaria favorable ós intereses sociais, políticos e económicos das clases burguesas e aristocráticas, que mantivo fóra do xogo político á maioría do país. Un réxime oligárquico, clerical en moitos aspectos, sen democracia, pseudoparlamentario, cunha clase política formada por camarillas de notables unidos para poder ocupar os cargos públicos dun Estado (invertebrado e débil) no que o caciquismo constituía a verdadeira estrutura político-administrativa do goberno. Un réxime que manifestaba o profundo egoísmo social dos grupos dominantes que pretendían simplemente asegurar o seu monopolio do poder e protexer a súa hexemonía social e económica. Finalmente, e tras unha serie de graves crises (1898, 1909 e 1917), e ante a imposibilidade do propio sistema de democratizarse, a Restauración remataría co golpe de Estado de Primo de Rivera en 1923.

venres, 23 de febreiro de 2018

PROBAS SELECTIVIDADE 4 - O SEXENIO DEMOCRÁTICO

COMPOSICIÓN SOBRE O SEXENIO DEMOCRÁTICO (1868-1874)

Doc.1.-O 27 de setembro de 1868, a Xunta de Goberno de Málaga súmase con esta proclama á revolución coñecida como Gloriosa:
“Aspiramos á liberdade de conciencia (...). Imos, pois, establecer a liberdade de cultos.
Aspiramos á liberdade de sufraxio (...), proclamamos o sufraxio universal.
Aspiramos á liberdade da razón, e queremos o ensino libre, e que o pensamento escrito circule sen traba.
Aspiramos, en fin, á liberdade económica e de asociación (...).
Queremos Cortes Constituíntes, expresión fiel da soberanía da Nación, para que promulguen unha Constitución (...).
Cidadáns: ¡Viva a liberdade! ¡Viva a soberanía nacional! ¡Abaixo os Borbóns!”.

Doc.2.-Constitución de 1869:
“A Nación Española, e no seu nome as Cortes Constituíntes, elixidas por sufraxio universal, desexando afianzar a xustiza, a liberdade e a seguridade, e prover ao ben de cantos vivan en España, decretan e sancionan a seguinte Constitución (...):
Art. 17. Tampouco pode ser privado ningún español: do dereito de emitir libremente as súas ideas e opinións, xa de palabra, xa por escrito (...). Do dereito de reunirse pacificamente. Do dereito de asociarse para todos os fins da vida humana que non sexan contrarios á moral pública (...).
Art. 32. A soberanía reside esencialmente na nación, da cal emanan todos os poderes.
Art. 33. A forma de goberno da Nación Española é a Monarquía.
Art. 34. A potestade de facer as leis reside nas Cortes. O Rei sanciona e promulga as leis.
Art. 35. O poder executivo reside no Rei, que o exerce por medio dos ministros.
Art. 36. Os tribunais exercen o poder xudicial”.

Doc.3.-Renuncia ao trono de Amadeo I (11 de febreiro de 1873):
“Dous anos longos hai que cingo a coroa de España, e a España vive en constante loita, vendo cada día máis distante a era de paz que tanto desexo (...). Todos invocan o doce nome da patria, todos pelexan e axítanse polo seu ben; e entre o fragor do combate, entre o confuso, atronador e contraditorio clamor dos partidos, entre tantas e tan opostas manifestacións da opinión pública, é imposible afirmar cal é a verdadeira, e máis imposible aínda atopar o remedio para tamaños males. Busqueino dentro da lei ansiosamente e non o atopei. Fóra da lei non debe buscalo quen prometeu observala (...).
Estas son, señores deputados, as razóns que me moven a devolver á nación, e no seu nome a vosoutros, a Coroa que me ofreceu o voto nacional (...)”.

Doc.4.-Proxecto de Constitución federal de 1873:
“Art. 1. Compoñen a Nación Española os Estados de Andalucía Alta, Andalucía Baixa, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias (...).
Art. 39. A forma de goberno da Nación Española é a República federal (...).
Art. 42. A soberanía reside en todos os cidadáns, e exércese en representación súa polos organismos políticos da República constituída por medio do sufraxio universal.
Art. 43. Estes organismos son: o Municipio, o Estado rexional, o Estado federal ou Nación (...).
Art.45. O poder da Federación divídese en poder lexislativo, poder executivo, poder xudicial e poder de relación entre estes poderes”.

Mediante a relación de documentos de distinta natureza que se nos presentan, imos analizar un período da historia contemporánea española denominado Sexenio Democrático (1868-74), que constituiu un paréntese na continuidade dinástica borbónica, -ao enviar ao exilio á raíña Isabel II- e que remata coa Restauración en mans do seu fillo Afonso XII.
O de Isabel II foi un reinado convulso, caracterizado polas diferenzas e disputas entre os distintos grupos liberais sobre os principios configuradores do Estado, o que veu ocasionando frecuentes cambios constitucionais e políticos. Durante ese período dominaron dous réximes políticos liberais: o progresista, vixente entre 1836 e 1843, e o moderado, entre 1843 e 1868, no que Isabel II se apoiou en militares de alta graduación que exerceron a xefatura de goberno – os espadóns- como foron Narváez ou O’Donnell.
Desde 1845 a Constitución e a Lei de Concellos incrementaron o poder da raíña, implantaron unha forte centralización e o sufraxio censatario. A frecuente suspensión das garantías constitucionais, a represión sobre a diverxencia política e o recurso á corrupción electoral para dominar as Cortes, fixeron que a oposición política non tivese máis saída que recorrer á violencia e aos pronunciamentos, que culminarían en 1868 coa súa expulsión do trono.
Así, en 1866 e 1867, as forzas da oposición progresistas e demócratas no exilio, lideradas polo xeneral Prim, asinaron os pactos de Ostende e Bruxelas que perseguían o seu derrocamento, aos que se lles sumaron desde España os membros da formación política Unión Liberal, encabezados por Serrano.
En setembro de 1868, nun contexto de malestar crecente da poboación – provocado polas malas colleitas, as dificultades económicas da industria e das finanzas e as actuacións da raíña- as forzas da oposición deron inicio a un proceso revolucionario apoiado en boa parte do exército e as masas populares: a “Setembrina” ou “Revolución Gloriosa”.
Este proceso, como tantos outros, comeza con un pronunciamento militar, en este caso das tropas da Mariña de Cádiz, ao que se lle uniron outras guarnicións. Desartellada a resistencia das tropas leais á raíña en Alcolea, xurdiron espontáneamente numerosas xuntas revolucionarias en diversas cidades españolas, ao berro de Abaixo os borbóns, España con honra!!!
Málaga foi unha destas cidades, e no doc. 1 temos unha mostra de proclama revolucionaria na que basicamente se definen as reclamacións democráticas do sufraxio universal ou a liberdade de prensa, ensino e asociación.
O triunfo da Gloriosa obriga a Isabel II a abandonar España cara ao exilio en París. Un goberno provisional, de unionistas e progresistas, presidido por Serrano, asumiu os principios demandados polas xuntas revolucionarias: instaurou as liberdades básicas, adquirindo protagonismo a relixiosa; promulgou medidas librecambistas, como a supresión do imposto de consumos, e convocou Cortes consituíntes elexidas por sufraxio universal. As eleccións demostraron que España era máis antiborbónica cá republicana, xa que triunfaron opcións a favor dunha monarquía democrática. A Constitución aprobada en 1869 – doc. 2- está inspirada nos principios do liberalismo democrático e establece a soberanía nacional e o sufraxio universal masculino, a liberdade de culto e dereitos como o de asociación e reunión. Considera a monarquía como forma de goberno e unha separación de poderes nos que o poder executivo reside no rei a través dos ministros – responsables perante as Cortes- mentres que o poder lexislativo está en mans dun parlamento bicameral (Congreso e Senado) e o xudicial a cargo de tribunais formados por xuíces nomeados a través dun sistema de oposicións, e xurados populares.
Nomeado Serrano rexente provisional, procurouse un novo monarca para España: tiña que ser católico, liberal e contar coa aprobación das potencias europeas. A suxerencia de Prim, convidaron a Amadeo de Savoia, fillo do rei de Italia, Vittorio Emanuele II, a aceptar a Coroa. En xaneiro de 1871 xurou a Constitución. Sen embargo, o seu reinado non sería nada fácil: non tiña experiencia de goberno (era de formación militar), descoñecía o idioma e non contaba con apoios. A aristocracia via nel un intruso; a Igrexa non lle perdoaba que admitise a liberdade de cultos; o pobo non simpatizou con el e carlistas, republicanos e afonsinos – partidarios do príncipe Afonso- simplemente o rexeitaban de plano.
O asasinato de Prim – o seu valedor- pouco antes da súa chegada a España e a inestabilidade política ocasionada pola ruptura da coalición gubernamental (unionistas, progresistas e demócratas) e polas disputas entre os seus líderes (Serrano, Sagasta e Ruiz Zorrilla) nas que non quixo interferir tomando partido, deixárono só e illado nun continuado bloqueo parlamentario. A isto sumáronselle o desenvolvemento da insurrección cubana, o estoupido da Terceira Guerra Carlista en Navarra e o País Vasco e o labor de desgaste emprendido polos republicanos –con insurreccións en Andalucía e Cataluña- e polo movemento obreiro influenciado pola Comuna de París e a I Internacional.
Con tal desgaste, e véndose impotente para formar un goberno forte, tras tres procesos electorais e a sucesión de seis gobernos diferentes en pouco máis de dous anos, Amadeo I resolve abdicar en febreiro de 1873, como se desprende da declaración que fai no doc. 3
Nestas circunstancias, as Cortes españolas formaron unha Asamblea Nacional á procura doutras alternativas. Non atopándoas, proclamouse a República. Castelar diría: “Coa renuncia de Amadeo morre a monarquía democrática. Ninguén acabou con ela. Morreu por si mesma”.
A I República terá unha vida breve, considerándose a radicalización dos principios políticos presentados na época da Gloriosa. A Asamblea Nacional Republicaba asumiu todos os poderes e nomeu a Estanislao Figueras presidente e xefe de goberno á vez. As diferenzas pola organización político-administrativa do país non tardaron en mostrarse: unitarios (defendían unha república unitaria), federais gradualistas (reparto de poderes entre o Estado federal e os Estados que formasen a federación definida polas Cortes constituíntes, no que destacou Pi i Margall); e federais intransixentes ou cantonalistas (proclamación da soberanía das unidades políticas inferiores – cantóns e Estados- para construír por acordo libre entre iguais, a federación española).
As tensións republicanas provocaron a convocatoria de eleccións constituíntes que, nun ambiente de enorme abstencionismo (>60%) déronlle a vitoria aos federalistas. Nomeada a República Federal, baixo a presidencia executiva de Pi i Margall, elaborouse  a partir de xuño de 1873 o proxecto de Constitución que resume o doc. 4, e que organizaba España como unha federación de dezasete Estados federados, entre os cales estban Cuba e Puerto Rico, e co recoñecemento da autonomía municipal. O reparto de poderes exercíase da seguinte maneira:
- poder executivo: presidente do goberno e ministros
-poder lexislativo: Asamblea Nacional Republicana bicameral – o Senado, representativo dos Estados federados- e o Congreso elexido por sufraxio universal directo.
-poder xudicial
-poder de relación entre os distintos poderes: Presidente da República, elixido por sufraxio universal, e quen nomeaba ao Goberno.
A axitación social e política incrementouse en toda España: folgas e protestas estimuladas pola FRE (Federación Regional Española, membro da AIT); ocupación de terras por parte de campesiños, disturbios graves como o de Alcoi con asasinatos de autoridades e incendio de fábricas…
Paralelamente, os federais intransixentes estimularon a declaración de independencia de cantóns sobre todo no Levante e Andalucía, sen agardar á aprobación da Constitución (como en Cartaxena).
Isto propiciou a dimisión de Pi i Margall, e que Nicolás Salmerón, o novo presidente, sufocase o cantonalismo e o reavivamento da guerra carlista no Norte apoiándose nos militares. Presionado por estes, que querían restablecer a orde pública e a autoridade a toda costa, tamén dimitiu antes que asinar penas de morte.
Emilio Castelar, desde setembro, obtivo poderes extraordinarios da Asamblea para facer fronte ao cantonalismo, a guera carlista e a insurrección cubana, gobernando por decreto e tomando medidas represivas moi duras. O intento dos federais descontentos por escoller un novo presidente foi abortado polo xeneral Pavía que disolveu a Asamblea en xaneiro de 1874.

A partir de aí iríanse precipitando os acontecementos que porían fin á experiencia republicana: asunción do poder executivo por parte do xeneral Serrano, apoiado en militares e políticos radicais, suspensión de garantías constitucionais baixo a promesa de convocatoria de Cortes unha vez pacificado o país, combate e redución do cantonalismo e dos carlistas… Todo isto, unido ao crecente temor das clases propietarias e do exército a que se desintegrase España e se xeralizase a revolución social, motivaron que en certos sectores se falase da Restauración da monarquía na persoa de Afonso de Borbón. Mentres se iniciaban conversas entre Canovas del Castillo e o fillo de Isabel II para preparar o regreso a unha monarquía respectuosa co sistema constitucional e liberal, o 29 de decembro de 1874, en Sagunto, o xeneral Martínez Campos pronunciábase a favor da monarquía sen atopar demasiadas resistencias. Era a fin da I República e do Sexenio Democrático.

venres, 25 de novembro de 2016

PROBAS SELECTIVIDADE 6 - O MOVEMENTO OBREIRO EN ESPAÑA

Os seguintes textos deben permitirche facer unha redacción sobre o movemento obreiro en España dende as súas orixes ata a crise da Restauración. Nela debes desenvolver as seguintes cuestións:
1.Razóns das mobilizacións obreiras, derivadas da nova conflitividade entre burguesía e clase obreira que é propiciada pola avance da industrialización
2. As reivindicacións obreiras nos ámbitos sociolaboral (condicións de traballo, dereito de asociación, xornada, traballo feminino e infantil, salarios...) e político, destacando neste último o papel da conflitividade obreira na crise da Restauración.
3. A evolución das formas de loita e organización obreira no tempo: ludismo, asociacionismo, internacionalismo, sindicalismo.
4. A caracterización das principais organizacións de traballadores (UGT, CNT), destacando o protagonismo do anarquismo e do socialismo como tendencias ideolóxicas predominantes no movemento obreiro.

Doc.1.-A destrución das máquinas. O exemplo da Fábrica de Tabacos da Coruña recollido en El País. Diario de Pontevedra (13 de decembro de 1857):

“O luns 7 do actual houbo un pronunciamento de mulleres na fábrica da Palloza desta cidade (A Coruña). Parece que no canto dos cigarros que antes se facían nesta fábrica, están agora ensaiando a construción doutros de diferente feitura e (…) crearon un taller de pitos cunha máquina para picar o tabaco. Como ambas operacións son novas, non se prestan nin acomodan a elas as cigarreiras, porque non saben facelos, tardando tanto en elaboralos que a penas sacan a terceira parte do xornal que adoitaban (…). Alporizáronse aquelas catro mil mulleres, arremetendo contra os xefes e empregados do establecemento, destruíndo todo o tabaco (…), racharon e fixeron anacos as máquinas novas (…), tirándoas ao mar, o mesmo que os mobles, papeis, libros de caixa e efectos que atoparon nas habitacións do director”.

Doc.2.-En setembro de 1855, El Eco de la Clase Obrera publicaba a seguinte petición ás Cortes:

“Señores Deputados das Cortes Constituíntes: Hai anos que a nosa clase vai camiñando cara a súa ruína. Os salarios minguan. O prezo dos comestibles e das habitacións é máis alto. As crises industriais sucédense. Temos que (...) mandar ao taller ás nosas donas con prexuízo da educación dos nosos fillos, sacrificar a estes mesmos fillos a un traballo prematuro. É xa gravísimo o mal, urxe o remedio, e agardámolo de vosoutros. Non pretendemos que ataquedes a liberdade do individuo, porque é sagrada e inviolable; nin que matedes a concorrencia, porque é a vida das artes; nin que carguedes sobre o Estado a obriga de socorrernos, porque coñecemos os apuros do Tesouro. Pedímosvos unicamente o libre exercicio dun dereito: do dereito de ASOCIARNOS. Hoxe concédesenos só para favorecernos nos casos de enfermidade ou de falta de traballo; concédasenos en adiante para opoñernos ás desmedidas esixencias dos donos dos talleres, establecer de acordo con eles tarifas de salarios, procurarnos os artigos de primeira necesidade a baixo prezo, organizar o ensino profesional e fomentar o desenvolvemento da nosa intelixencia, atender a todos os nosos intereses”.

Doc.3.-Neste artigo publicado en setembro de 1872 en La Defensa de la Sociedad, advírtese do perigo que para a orde establecida supón a Asociación Internacional de Traballadores (AIT):

“Proba en verdade que atinxe a reis e pobos, a sacerdotes e profanos, ao cidadán humilde e ao elevado magnate, á relixión, á moral, á propiedade, ao traballo; á autoridade, á liberdade, á paz pública; á patria, á familia, á seguridade persoal; á orde, ao goberno, á economía política; e en fin, a todas as entrañas da vida da humanidade. ¡Tremendo retroceso habería sufrir esta se en tal proba saísen vencidos os principios tutelares da súa existencia e desenvolvemento! E vencidos sairían se os ánimos rectos, se os homes dos que os seus intereses morais e materiais están ameazados, se as clases lexítimas cegamente combatidas, non abrisen a tempo os ollos para ver e evitar o abismo onde empurra á sociedade enteira esa tempestade de erros (...), políglota e cosmopolita, que se titula a Asociación Internacional”.

Doc.4.-En marzo de 1917, este Manifesto conxunto da UGT e a CNT propón a folga xeral, que sería definitivamente convocada en agosto:

“O proletariado organizado chegou así ao convencemento da necesidade da unificación das súas forzas nunha loita común contra os amparadores da explotación erixida en sistema de goberno. E respondendo a este convencemento, os representantes da Unión general de Trabajadores e os da Confederación Nacional del Trabajo acordaron por unanimidade: Primeiro: (...) co fin de obrigar ás clases dominantes a aqueles cambios fundamentais de sistema que garantan ao pobo o mínimo das condicións decorosas de vida e de desenvolvemento das súas actividades emancipadoras, imponse que o proletariado empregue a folga xeral, sen prazo definido de terminación, como a arma máis poderosa que posúe para reivindicar os seus dereitos”.

COMPOSICIÓN:

A continuación preséntasenos un conxunto de documentos que nos vai permitir disertar sobre a evolución do movemento obreiro en España dende as súas orixes até o período da crise da Restauración, no primeiro terzo do século XX.

O concepto “movemento obreiro” fai referencia ao conxunto de actividades desenvolvidas polos traballadores ao longo dos séculos XIX e XX na consecución de melloras laborais e salariais.
Na nova sociedade de clases que substituiu ao Antigo Réxime e, coa introdución da industrialización e o desenvolvemento capitalista na España liberal, repítese o proceso de antagonismo entre a burguesía e o proletariado que se deu no resto de países alcanzados pola Revolución industrial.
O proletariado, a clase traballadora, non alcanza importancia numérica significativa no noso país ata o século XX, e vaise concentrar nas zonas industriais, como Cataluña, País Vasco, Asturias e, en menor medida, os centros mineiros de Andalucía. Está formado por traballadores procedentes do campo (éxodo rural) e dos talleres artesanais que sucumbiran fronte a competencia das máquinas.
As condicións de vida dos traballadores eran durísimas: longas xornadas, salarios ao nivel de subsistencia, ausencia de dereitos, sometemento ao ritmo das máquinas, falta de medidas de seguridade e hixiene no traballo ou calquera tipo de cobertura social (seguro de accidentes, de desemprego, etc.)... As familias dos barrios obreiros vivían amoreadas en condicións de miseria extrema e insalubridade, carentes dos mínimos servizos.
Asemade, tanto na agricultura, como nas fábricas ou nas minas, o emprego de man de obra infantil – xa desde os seis anos- e feminina foi moi habitual, pois o menor salario que recibían fronte ao dun varón adulto animou a súa contratación por uns patróns ávidos por obter elevados beneficios.

A historia do movemento obreiro en España experimenta unha evolución que vai dende as primeiras reaccións contra o uso das máquinas ata a implantación de organizacións sindicais – algunhas aínda vixentes na España actual- logo da adquisición por parte dos traballadores do que se coñece como “conciencia de clase”, e da implantación das ideoloxías que xorden en Europa.

En paralelo cos inicios da industrialización e da introdución das máquinas, nas décadas de 1820 e 1830 xorden as primeiras protestas obreiras centradas na destrución e sabotaxe das máquinas, ás que ven como causantes da perda de postos de traballo e do empeoramento das súas condicións laborais. Estes movementos, chamados ludistas – en referencia a Ned Ludd, personaxe ficticio inglés a quen se lle atribuían os atentados contra as máquinas e cartas ameazantes contra os patronos de aquel país-  iniciáronse en Alcoi (1821) e Cataluña (1835) pero continuaron, como podemos ver no doc. 1, durante décadas en forma de actos puntuais e de escasa repercusión, -tal que é o caso das obreiras da fábrica de tabacos coruñesa-, xa que se trataba de movementos esporádicos, de escasa planificación e duramente reprimidos e castigados polas autoridades.

Inicialmente, a lexislación liberal española, en apoio da liberdade de mercado e de empresa, prohibía a formación de asociacións, polo que, nos primeiros tempos, o asociacionismo obreiro estivo proscrito e, no seu lugar, imitando ás antigas asociacións gremiais, xurdiron sociedades de carácter mutualista e benéfico - similares ás Sociedades de Socorros Mutuos británicas- para poder facer fronte, a través de montepíos e cooperativas de axudas, ás continxencias propias dunha enfermidade, un despedimento ou a morte dun obreiro. En calquera caso, e xa dentro da clandestinidade, estas sociedades mantiñan igualmente o debate en torno á procura de melloras salariais e de regulamentación do traballo – en especial a xornada laboral- así como a formación de caixas de resistencia coas que afrontar unha folga.

A folga foi e segue a ser o medio máis eficaz de loita cando as negociacións entre patróns e obreiros non chegan a un acordo: un acto de forza, deixando o traballador de producir, para provocar que o patrón se pregase ás demandas. Pero a folga tivo ao longo deste período tamén un carácter revolucionario, cando se trataba de folgas xerais que sumaban peticións de cambios políticos a aquelas de índole laboral.

Durante o Bienio Progresista (1854-56) do reinado de Isabel II, como se pode apreciar no doc. 2, boa parte das reivindicacións obreiras se centraron en conseguir superar as barreiras legais que impedían o asociacionismo. Neste documento, dirixido ás Cortes, apréciase como, a parte de facer unha descrición das condicións de vida dos traballadores e as súas familias, demandan o libre exercicio do dereito de asociación con fins reivindicativos na relación patrono-obreiro, superando o fin asistencial das sociedades de socorro mutuo, pero, á vez, sen pretender poñer en perigo nin a libre competencia, nin a propiedade privada; nin sequera demandar do Estado a obriga de dar unha cobertura social aos cidadáns.

En 1864 fundase en Londres a a Primeira Internacional (AIT), co obxectivo de potenciar a unión e a loita dos traballadores pola súa emancipación en todo o mundo. Tras a revolución de 1868, a “Gloriosa”, e grazas ao recoñecemento de maiores liberdades, as doutrinas da AIT difundíronse por España. Nesta tarefa destacou Giuseppe Fanelli, seguidor das ideas anarquistas de Bakunin. O seu labor de propaganda deu lugar en 1870 en Barcelona á formación da Federación Rexional Española (FRE), organización constituída por distintas seccións obreiras e integrada na AIT, que se expandiu por toda España, tanto nas zonas industriais como entre os traballadores agrícolas. Chegou a ter case 40.000 afiliados. Pola súa parte, a finais de 1871, Paul Lafargue, xenro de Marx, contactara cos medios internacionalistas españois formando en Madrid un pequeno grupo marxista, a Nova Federación Madrileña, cuxo propósito era a fundación dun partido obreiro.

A FRE suscitou un forte temor entre o empresariado e os políticos moderados, tal e como se deixa entrever no doc. 3, de aí que tras os sucesos da Comuna de París (1871) e o levantamento popular en Alcoi de 1873 -no que participaron numerosos internacionalistas-, se prohibisen as súas actividades en 1874 coa chegada da Restauración borbónica. En liñas xerais a Restauración significou un paro no movemento obreiro, xa que as asociacións estiveron prohibidas e a actividade sindical desenvolveuse na clandestinidade, o que se traduciu nunha radicalización revolucionaria.

As disputas existentes no seo da AIT entre Marx e Bakunin propiciaron unha crecente separación entre marxistas e anarquistas. Os primeiros crían na loita de clases para modificar a sociedade a través da revolución obreira, protagonizada por un proletariado organizado en sindicatos e partidos políticos obreiros. Conquistado o poder polos traballadores, debían impoñer a abolición forzosa da propiedade privada e dos medios financeiros de produción – a ditadura do proletariado-, que pasarían ao Estado. Na nova sociedade socialista todos os individuos terían iguais condicións de vida grazas á colectivización dos medios de produción.

En canto aos anarquistas, o seu obxectivo era a transformación revolucionaria e total da sociedade capitalsita mediante a destrución do Estado e a eliminación de todas as estruturas e institucións que significasen a prevalencia dunha autoridade (política, relixiosa, familiar, económica ou militar). Coinciden na eliminación da propiedade privada e das diferenzas socioeconómicas, pero renuncian á loita política como medio para lograr a transformación da sociedade – de aí que propugnen o abstencionismo e o retraemento eleitoral-, recaendo esa responsabilidade nos traballadores, especialmente o proletariado agrario, que se organizarían en comunas autoxestionadas, onde a autoridade fose substituída pola solidariedade e os acordos libres.
O anarquismo viviu fortes discrepancias internas en razón dos métodos suxeridos para levar a cabo os seus obxectivos: folga xeral revolucionaria, creación de sindicatos, organizacións clandestinas... pero tamén a través do emprego da violencia e do atentado como propaganda activa.

En España esa ruptura se produce no Congreso da AIT de Córdoba de 1872-73, que confirmou o predominio anarquista.

A represión do sindicalismo polos conservadores durante os primeiros tempos da Restauración fixo que os traballadores visen nos seus gobernantes aos defensores dos patronos das industrias urbanas e dos terratenentes do campo. A violencia campesiña e os atentados terroristas sucedéronse desde 1881. A chegada de gobernos liberais con Sagasta á cabeza propiciaron a consolidación de movementos obreiros organizados, tras a súa legalización coa Lei de Asociacións de 1887

Os anarquistas, obreiros cataláns e campesiños andaluces principalmente, crean a FTRE (Federación de Trabajadores de la Región Española) para organizar un sindicato e defender ao proletariado por medios legais. Porén, unha parte dese anarquismo en Andalucía, nomeadamente en Cádiz, organízase en torno á Mano Negra, partidaria das accións directas e da violencia como resposta ás negativas dos terratenentes ás peticións de subas salariais e da regulación do traballo a destallo, materializadas en folgas, revoltas, incendios, asaltos a tendas... En 1888 a FTRE disolveuse e os grupos anarquistas só logran poñerse de acordo esporadicmaente, nas convocatorias de folga e manifestacións que desde 1890 celebran o 1º de Maio. Durante a Semana Tráxica de Barcelona (1909) reaccionaron ante a represión destada polo goberno de Maura coa fundación do sindicato CNT (Confederación Nacional del Trabajo), que vai defender a folga social revolucionaria como táctica esencial da clase traballadora, sen participar no xogo político e só na negociación directa cos empresarios.

Os socialistas, baixo a dirección de Pablo Iglesias, fundan o PSOE, de tendencia marxista e o sindicato UGT (1888), ligado ao partido. Comezaba así o leve ascenso do socialismo, que vai gañando adeptos principalmente nas grandes cidades, sen sufrir os altibaixos que tiñan as organizacións anarquistas. PSOE e UGT combinan folgas e manifestacións coa súa particpación nas eleccións.

Para rematarmos, faremos referencia á unidade circunstancial de marxistas e anarquistas xa ben entrado o século XX. Tal como figura no doc. 5, ugetistas e cenetistas van protagonizar as folgas xerais de 1917, no marco da crise que sufreu o sistema político da Restauración. Por vez primeira en moito tempo, todo o movemento obreiro, suscribindo o manifesto que se nos presenta, estala coa convocatoria de folga de ferroviarios valencianos, aos que se sumarán en agosto dese ano os de toda España. O seu obxectivo, como consecuencia do malestar social xerado polas alzas dos prezos, non era outro que o derrocamento do réxime e a convocatoria de Cortes constituíntes. 

sábado, 11 de abril de 2015

PROBAS SELECTIVIDADE 3 - A INDUSTRIALIZACIÓN NA ESPAÑA LIBERAL DO XIX

Os seguintes documentos serven de base para realizar unha composición sobre o desenvolvemento económico español no século XIX, centrando a atención na industria. Como punto de partida, o Doc.1 chama a atención sobre o contraste centro-periferia. O Doc.2 permite comentar as características do desenvolvemento ferroviario español, tanto no seu papel de artellador do mercado interior como de incentivador de diversas actividades económicas, mentres os Docs.3 e 4 atenden respectivamente a dous sectores clave, como son o siderúrxico e o téxtil. Por último, o Doc.5 complementa a información subministrada nos anteriores e permite realizar unha valoración global do desenvolvemento decimonónico.

Doc.1.-En 1843, Jaime Balmes expoñía a escasa capacidade da capital do Estado para servir de motor do desenvolvemento económico español:

“Cabalmente temos en España un atranco gravísimo que inflúe máis do que se cre en paralizar o noso desenvolvemento e en facer inútiles os mellores desexos. A vida de España está nas extremidades; o centro está exánime, fraco, frío, pouco menos ca morto. Cataluña, as provincias Vascongadas, Galicia, varios puntos do mediodía, ofrécennos un movemento, unha animación da que non participa o corazón de España. Londres é digna capital da Gran Bretaña, París, de Francia; na actividade, na vida da que rebordan aquelas cidades vedes as indispensables condicións da cabeza dun gran corpo. En Madrid e en tódolos arredores a longuísima distancia nada parello atoparedes. Nin agricultura, nin industria, nin comercio”.

doc. 2 . O seguinte mapa amosa as liñas ferroviarias construídas entre 1848 e 1868 en España














doc. 3 . Principais instalacións siderúrxicas en 1866



doc. 4: Importación de algodón en rama pola aduana de Barcelona 8en milleiros de toneladas)









doc. 5.: O historiador Gabriel tortella valora así o esforzo industrializador na España do s. XIX




 Os seguintes documentos que imos analizar fan referencia ao desenvolvemento da economía española durante o século XIX.
Ao longo do século XIX, xa dende as primeiras décadas, atopámonos en España co inicio da industrialización, malia que os  seus progresos foron inferiores aos dos países máis avanzados de Europa Occidental – como Inglaterra e Francia-, mesmo aos doutros países que comezaran a súa 
industrialización máis tarde – caso de Alemania ou Suecia.
Porén, este retraso na industrialización é xeralizado nos países mediterráneos (Italia, Portugal…), falando algúns historiadores dun patrón latino de modernización.
O proceso industrial español do período liberal caracterízase por:
Predominio das actividades do sector primario (mineiría, transformación agrícola e pesca); protección arancelaria para frear a competencia internacional; dependencia do estranxeiro en tecnoloxía e capitais; e un forte desequilibrio territorial e rexional, con áreas atrasadas e focos desenvolvidos, característica que se reflicte claramente no doc. 1 escrito en 1843 por Jaime Balmes. Neste documento o autor, publicista e filósofo da época, analiza o forte contraste entre o interior e a periferia, cunha capital do Estado  atrasada, o que frena o desenvolvemento económico español.
No panorama xeral español aprécianse, por tanto, importantes diferencias rexionais, con zonas atrasadas e focos desenvolvidos como Catalunya e o País Vasco. A excepción deses focos, o que segue predominando no país son as actividades agrarias.
Paralelamente, a falta  de renovación técnica e a mentalidade conservadora dos propietarios permitiron o mantemento dunha agricultura tradicional. Dese xeito, a agricultura non puido tampouco actuar como motor da industrialización. A isto hai que lle engadir a reducida capacidade de  consumo do mercado  interno, xa que os baixos ingresos do campesiñado e dos obreiros, non lles permitía mercar produtos.
Por outra banda, os produtos españois non podían competir no mercado internacional polo seu elevado custe de produción (dependido da escasa tecnoloxía e dos obstáculos e barreiras físicas e naturais), o que obrigaba ás autoridades a desenvolver unha política proteccionista.
Se ben foi aplicado o proteccionismo fronte aos mercados internacionais, no caso do mercado interno buscáronse fórmulas para conseguir unha maior integración e funcionamento deste. Para iso, a lexislación liberal aboliu os obstáculos legais contrarios á liberdade de circulación e produción de bens, como, por exemplo, a supresión de aduanas e aranceis interiores, a liberdade de produción e venda, ou a unificación de pesos e medidas.
Á par destas medidas, o Estado procurou a construción de mellores vías de comunicación, levando a cabo unha renovación dos transportes e comunicacións. Esta renovación permitiu o movemento de grandes cantidades de mercancías e a maior celeridade, permitindo o descenso dos prezos do produtos.
A introdución en España do ferrocarril – considerado por todos como símbolo de progreso e modernización- foi relativamente tardía; non sería até 1848 cando entrou en funcionamento a primeira liña férrea de transporte de viaxeiros, entre Barcelona e Mataró, para continuar coas de Madrid-Aranjuez e Langreo-Gijón.
A rede ferroviaria adoptou unha disposición radial nas súas liñas principais, tomando Madrid como punto de partida co obxectivo de unir centro-periferia, como se pode apreciar no doc. 2. Nese mapa amósanse as liñas ferroviarias construídas entre 1848-68.
Na construción dos trazados ferroviarios diferenciamos varias fases:
·         Antes de 1855 só se construíran 440 km de liña, repartidos por puntos concretos de Barcelona, Madrid e Asturias.
·         Entre 1855 e 1866 a construción foi a bo ritmo, grazas ao apoio estatal e os investimentos estranxeiros, sendo, como se aprecia no mapa, 1865 un ano récord.
·         Entre 1866 e 1876, e debido ao atraso xeral do país, non se produciran os beneficios esperados, polo que se optou pola paralización da construción de novas vías.
·         No período 1877-96 prodúcese unha revitalización da infraestrutura ferroviaria que vén da man de grandes compañías que explotan a concesión do servizo.
·         Entre 1896 e 1936 a tendencia anterior continuou máis lentamente, rematándose a rede ferroviaria  cunha importante aportacion estatal.
En liñas xerais podemos dicir que o impulso do ferrocarril veu case sempre da man dos gobernos progresistas, quen consideran este medio de transporte como símbolo de progreso e modernizacion. Deles partiu a Lei Xeral de Ferrocarrís de 1855 que, entre outras medidas, establecía o deseño do trazado radial – agás no Ebro e a costa Mediterránea, como vemos no documento- e a construción promovida tanto por parte do Estado como de compañías privadas, así como a posta en explotación das liñas ben directamente, ben a través de concesións a particulares por 99 anos.
O Estado garantiulles aos investidores privados vantaxes e subvencións, ao tempo que permitiu a importación de toda clase de maquinaria e tecnoloxía foránea. O financiamento recaiu en tres fontes de recursos: a subvención estatal – obtida a través da desamortización de Madoz (1855)-, capital en mans de accionistas, e o líquido das obrigacións que emitían as propias compañias ferroviarias. Ese capital foi maioritariamente francés.
Dadas as características do relevo español, optouse por vías cun ancho maior cás do resto de Europa, o que dificultou a conexión cos trazados europeos.
O papel do ferrocarril no desenvolvemento económico español, segundo algúns historiadores, foi importante polo feito de permitir a comunicación interior, facilitando o comercio de mercadorías nun país con grandes dificultades orográficas. Sen embargo, outros historiadores afirman que, ao pernitirlle ás compañías ferroviarias importar todo o material necesario para á súa implementación, a industria siderúrxica nacional viuse prexudicada.
Este sector sidero-metalúrxico foi precisamente o que marcou os inicios da industrialización en distintas áreas do territorio español, como podemos ver representado no mapa do doc. 3. Móstransenos os principais enclaves siderúrxicos á altura de 1866: Asturias, País Vasco, Cataluña, Andalucía e, con moitísima menor importancia, a provincia de Toledo.
En Andalucía, entre 1830 e 1870, os intentos de crear unha siderurxia propia (Málaga, Marbella, Sevilla) que paliase a dependencia das importacións, fracasaron, non entanto, debido aos elevados custes de produción. De nada serviron o inicio temperán da actividade siderúrxica ou que cara a metade do século cubrisen o 85% do ferro coado de España para frear a competencia dos produtos estranxeiros e máis das instalacións do Norte peninsular.
En Asturias e o País Vasco, o sector clave na industrialización foi o siderúrxico vencellado ao desenvolvemento das explotacións mineiras. A explotación masiva de carbón en Asturias data da década de 1840, coa posterior instalación de altos fornos e de diversas empresas metalúrxicas, en moitos casos participadas por capital estranxeiro. O proceso industrializador presentou numerosas dificultades ocasionadas, sobre todo, pola mala calidade do carbón – de escasa capacidade calorífica- e do tipo de minas, soterradas. Debido a isto, o carbón resultaba caro e non podían competir co carbón británico, aplicando o Estado unha política proteccionista para facilitar o seu desenvolvemento.
No País Vasco, a industrialización xirou arredor da explotación de mineral de ferro, moi abundante e de calidade. A exportación do ferro xerou importantes capitais, e isto, unido á importación de carbón barato inglés transportado nos barcos mercantes nas viaxes de retorno, permitiron crear na Ría de Bilbao, en torno ao final do século, o maior foco siderúrxico de España (entre 1880 e 1930 producirá máis do 50% do ferro español), cos Altos Fornos de Biscaia á cabeza.
No que respecta a Cataluña, ali tamén se experimentou a implantación da industria sidero-metalúrxica, pero coas limitacións derivadas da necesidade de adquirir o ferro bilbaíno. Con todo, Cataluña foi a principal zona industrial de España debido aos seus niveis de produción e á súa diversificación, ligados maiormente ao sector téxtil. Contando cunha vella tradición artesanal, a fins do século XVIII e inicios do XIX, produciuse a constante renovación da produción téxtil coa introdución do algodón (as “indianas”), a mecanización  do seu fiado e tecido, e o reinvestimento constante dos capitais. A partir de 1832 utilízanse as máquinas de vapor. O seu crecemento e a auxe da industria do algodón pode verse reflectida na gráfica do doc.4, na que se representa a evolución da importación de algodón en rama pola alfándega de Barcelona. Na mesma pódese ver cómo ao longo do século XIX esta importación foi en aumento, especialmente a partir de 1865, chegando prácticamente ás 85.000 Tm a fins de século. O seu crecemento estivo baseado na reserva en exclusiva do mercado interior español (proteccionismo arancelario) e, até 1898, do mercado de Cuba.
En Cataluña desenvolvéronse tamén outros sectores industriais como a metalurxia de transformación, a industria química, papeleira e editorial, así como a de transformación agrícola (cortiza, cavas...).
Como consecuencia de todo o anteriormente exposto, podemos concluír dicindo que, en liñas xerais, en España produciuse un desenvolvemento industrial ao longo do século XIX que se consolidou sobre determinados focos rexionais, á vez que se formaba un mercado interior organizado, apoiado na rede ferroviaria e un sistema bancario e financeiro. Porén, non hai que esquecer que o proceso de industrialización e comercial foi moderado nese século e comezos do XX; mesmo en determinados momentos débil, tal como se indica no doc. 5. O historiador Gabriel Tortella afirma que, se ben houbo un importante esforzo industrializador na España do XIX, os resultados non foron os desexados. As transformacións industriais foron lentas e de menor profundidade e repercusión social que en países como Inglaterra ou Francia.
A diferencia de Inglaterra, en España a revolución industrial non nace precedida dunha revolución agrícola. A agricultura seguía ancorada no Antigo Réxime, condicionando a producción do campo e a propiedade da terra. Para a burguesía liberal, a única forma de conseguir un maior desenvolvemento nese eido que constribuíse ao aumento da riqueza e da prosperidade xeral, era levar a cabo unha reforma agraria que convertise a propiedade da terra nun ben libre, privado e individual. Foron os gobernos liberais progresistas, principalmente, quen implementaron esta reforma, principlamente a través das medidas desamortizadoras, consistentes na na venda en pública poxa dos bens e terras en mans mortas (Igrexa, comunais e concellos). O historiador Tortella recoñece no doc. 5 a importancia destas desamortizacións na transformación do réxime de propiedade da terra e a consolidación do liberalismo.
Sen embargo, estas medidas foron unha ocasión perdida para lograr que unha gran parte do campesiñado puidese acceder á compra desas terras. Tamén se culpa á desamortización de ter contribuído ao atraso da industrialización polo desvío de recursos financeiros cara á compra de terras en lugar de investir na industria.
En  xeral, os capitalistas españois realizaron escasos investimentos productivos, de modo que foron os capitais estranxeiros os que dominaron as principais actividades productoras e rendibles do Estado. Tan só en Cataluña foron importantes os esforzos dos empresarios por crear unha industria potente, reinvestindo as súas ganancias, como sinala unha vez máis Tortella. Non podemos obviar igualmente o desenvolvemento e perfeccionamento do sistema bancario cos gobernos liberais que contribuirá ao crecemento industrial, do ferrocarril ou da propia Administración do Estado. Bancos, sociedades de crédito, sociedades por accións ou a Bolsa, convertéronse nos instrumentos necesarios para a captación do aforro privado e o financiamento dos investimentos.
Xa como conclusión, podemos afirmar que a España liberal do século XIX coñeceu un desenvolvemento económico e industrial, malia que teña sido dunha maneira máis lenta e feble do que noutros países de Europa Occidental.