TRABALLO
SOBRE A ESPAÑA ISABELINA.
ORIENTACIÓNS: Os
documentos seguintes deben permitirche elaborar un texto sobre a vida política
durante o reinado de Isabel II. Na túa redacción debes abordar as seguintes
cuestións:
1º) A
diversidade das forzas políticas: presenta o espectro que vai dende o carlismo
ata o republicanismo democrático. Non esquezas aludir o encaixe de moderados e
progresistas no doutrinarismo liberal.
2ª) O
predominio político moderado, con longas etapas de permanencia no poder (exemplificado
na Const. de 1845), fronte a breves períodos progresistas nos que se adoptaron
medidas relevantes.
3ª) O
intervencionismo militar na política, coa inestabilidade e convulsión que
comporta, pois se utiliza a guerra e o pronunciamento como instrumentos de
cambio político á marxe dos procesos electorais.
4º)A
caída do réxime en 1868, poñéndoa no seu contexto e caracterizando os
obxectivos dos que promoveron ese pronunciamento e as forzas políticas que o
propiciaron.
Non esquezas
darlle título ao traballo nin clasificar os textos. Como coñecementos
específicos, deben ser valoradas as alusións a personaxes destacados do período
ou as referencias a feitos e medidas
relevantes de diverso significado: Constitución de 1845, Concordato, desamortizacións, Lei de Ferrocarrís…
Doc.
1.-María Teresa de Braganza y Borbón, muller do infante Don Carlos, expón así
algunhas das ideas do carlismo:
“Relixión, Patria e
Rei (...). Rei, digo por último, pero rei pola Graza de Deus e non pola graza
da soberanía nacional (...). Segundo o liberalismo, da soberanía nacional emana
todo o poder e os poderes que existen, negando deste xeito todo poder de orixe
divina. Agora ben, isto está condenado pola Igrexa católica e con razón; pois a
Escritura sagrada di expresamente: todo poder vén de Deus (...)”.
Doc.
2.-Preámbulo da Constitución de 1845:
“Dona Isabel II,
pola Graza de Deus e da Constitución da Monarquía Española, Raíña das Españas,
a todos os que apresente viren e entenderen, sabede:
Que sendo a nosa
vontade e a das Cortes do Reino regularizar e poñer en consonancia coas
necesidades actuais do Estado os antigos fueros e liberdades destes
reinos, e a intervención que as súas Cortes tiveron en todos os tempos nos
negocios graves da Monarquía, modificando ao efecto a Constitución promulgada
en 18 de xuño de 1837, vimos (…) en decretar e sancionar a seguinte
Constitución da Monarquía Española”.
Doc.3.-Comentario sobre o
intervencionismo militar na vida política (El pensamiento de la nación, 18 de marzo de 1846):
“As queixas contra
a preponderancia militar datan de moito tempo: hai longos anos que as fraccións
liberais se acusan unhas a outras polos estados de sitio. O que en 1834 e 1835
dicían os progresistas contra os moderados, dixeron os moderados contra os
progresistas en 1836 e 1837; ata 1840 tocoulles aos progresistas repetir os
mesmos cargos que logo reproduciron os moderados ata 1843; dende o
pronunciamento de xuño do dito ano quéixanse outra vez os progresistas (…).
O poder militar é
forte porque o civil é fraco, non tanto se debe pensar en abater aquel como en
fortalecer este; a forza do poder civil será a ruína do militar, que deixará de
ser poder e pasará a ser unha clase como as demais do Estado ...”.
Doc. 4.-En
1860, o republicano Fernando Garrido caracteriza así as máis importantes
tendencias políticas do momento:
“Os moderados
representan un paso máis na escala do progreso, non conceden senón a medias o
principio da soberanía nacional. Din: o rei ten o seu dereito de ser soberano,
dereito histórico e de raza, pero o pobo tamén ten dereito a intervir co rei na
xestión dos públicos intereses; e conservando as institucións do absolutismo,
líganas o menos mal que poden coas novas, que deben satisfacer os desexos das
clases acomodadas, e unha pequena parte das medias.
Os progresistas
parten do principio da soberanía nacional, que colocan sobre todos os outros. O
rei, segundo eles, éo porque a nación quere que o sexa, e non porque o herdara
dos seus devanceiros (…).
Hai unha fracción
demócrata que cre posible a amalgama da monarquía e dos principios
democráticos, da liberdade individual e da soberanía nacional.
Segue a esta a
fracción republicana propiamente dita. A democracia como réxime político quere,
segundo vemos nas súas publicacións, no canto do rei un consello ou xunta
federal composta, como en Suíza, por un ou máis membros por cada provincia ou
Estado. No canto de dúas cámaras, unha soa. No canto do censo electoral, o
sufraxio universal para toda clase de eleccións. Os seus elementos máis activos
pertencen ás profesións liberais, aos traballadores e artesáns, e unha parte
máis considerable cada día á clase media”.
Doc. 5.-As forzas militares
mandadas por Prim, Serrano e Topete pronúncianse en Cádiz en setembro de 1868, publicando
o seguinte manifesto:
“Aldraxada a lei
fundamental (…), corrompido o sufraxio pola ameaza e o suborno (…), pasto a
Administración e a Facenda da inmoralidade (…), muda a prensa (…). Tal é a
España de hoxe (…). Queremos que un Goberno provisional que represente todas as
forzas vivas do país asegure a orde, en tanto que o sufraxio universal bota os
alicerces da nosa rexeneración social e política”.
“A VIDA POLÍTICA NO REINADO DE ISABEL II”
Son todas fontes
escritas e primarias.
Doc. 1
>>>> é unha carta dirixida aos españois por María Teresa de
Braganza Borbón, muller do infante don Carlos, documento de natureza política
Doc. 2
>>>> como preámbulo da constitución de 1845 é unha fonte legal
Doc. 3
>>>> comentario xornalístico de carácter político, sobre o
intervencionismo militar na vida política.
Doc. 4
>>>> comentario extraído do ensaio Historia do último borbón, de
Fernando Garrido, fonte de carácter político-literario que analiza as familias
liberais existentes
Doc. 5
>>>> manifesto emitido desde Cádiz, o 19 de Setembro de1868 polas forzas militares mandadas por Prim, Serrano e Topete;
fonte de carácter político.
Durante o terzo
central do século XIX (1833-1874) tivo
lugar en España a construción do Estado liberal. Pero o triunfo do liberalismo
foi froito dun compromiso entre as novas elites burguesas e as vellas elites
politicas do Antigo Réxime polo que, ao longo do século XIX, o liberalismo
español mostrouse incapaz de establecer un Estado liberal sólido. A ruptura do
liberalismo en dúas tendencias ou partidos irreconciliables, moderados e
progresistas, que disputaron o poder entre 1833 e 1874, non por medio das urnas
senón mediante o recurso á forza, ao pronunciamento militar e á revolución
popular, impediu a creación dun sistema político estable e frecuentes cambios
constitucionais e políticos.
O reinado de Isabel
II é precedido, na súa minoría de idade, por dúas rexencias, a da raíña
consorte de Fernando VII, María Cristina, e a do xeneral Espartero, un
“espadón”.
Entre 1836 e 1874
podemos distinguir tres réximes políticos: o progresista (1836-43 e 1854-56); o
moderado, (1843-54 e 1856-68) e o democrático (1868-74) que leva a Isabel II
cara ao exilio.
A partir de 1836, o
modelo de Estado e o sistema político vixentes en España organizáronse sobre o
respecto aos principios xurídicos e políticos do liberalismo: recoñecemento dos
dereitos e liberdades individuais, igualdade xurídica ante a lei, defensa da
propiedade privada, participación política dos cidadáns, limitación do poder
político, división do poder en tres eidos (lexislativo, executivo e xudicial),
existencia de institucións representativas da vontade dos cidadáns (Cortes e
concellos). Todo isto fundamentado e lexitimado pola crenza na soberanía da
nación, e consagrado xurídicamente pola existencia dunha lei suprema ou constitución.
Pero este modelo
non foi único nin aceptado por todas as forzas políticas por igual:
Dunha parte, temos
os carlistas: Tal como se reflicte
no documento 1, eran
tradicionalistas partidarios do absolutismo monárquico que se negaban a aceptar
as transformacións liberais e defendían os valores católicos, así como os
privilexios tradicionais de vascos e cataláns e o dereito a reinar en España do
infante Carlos de Borbón, irmán de Fernando VII, así como dos seus
descendentes. Protagonizaron sucesivas guerras, en (1833-40), (1846-49) ou
(1872-76).
Os liberais moderados asumiron plenamente
a defensa dos principios do liberalismo
doutrinario, é dicir, aquel que xurdira como reacción fronte os excesos
revolucionarios e o temor das clases altas a perder a súa posición hexemónica
na sociedade polas demandas das clases populares. Os liberais moderados
consideran a monarquía constitucional como forma de Estado e de goberno na que
todas as institucións do Estado, incluída a Coroa, exercen os seus poderes de acordo
coa Constitución. Agora ben, para os moderados, o poder executivo é exercido polo rei, quen nomea libremente o
Goberno, pode cesar ministros e disolver as Cortes en caso de conflito entre
Goberno e estas. O poder lexislativo tamén é compartido entre monarca e Cortes.
Os moderados recoñecen a soberanía da nación, pero esta é depositada
conxuntamente sobre as Cortes e o rei. Finalmente, son partidarios de
restrinxir a participación política dos cidadáns mediante o dereito de sufraxio
só para aqueles que posúan un determinado nivel cultural ou de rendas (sufraxio
censatario); tamén de limitar os dereitos individuais e de declarar a
oficialidade católica do Estado e a restrición de cultos.
Os liberais progresistas movéronse nunha
liña ambigua. Proceden dos liberais exaltados
das Cortes de Cádiz e do Trienio Liberal, pero foron moderando as súas
reivindicacións. No básico coinciden co liberalismo doutrinario, pero dándolle
maior primacía ás Cortes sobre o rei, descentralizando a xestión municipal e
ampliando o marco de dereitos e liberdades individuais. Tamén foron defensores
de modificacións lexislativas favorables ao desenvolvemento das actividades
económicas capitalistas (como as desamortizacións ou a lei de Ferrocarrís... )
Os liberais demócratas xorden como grupo
organizado a partir de 1840, supoñen unha disidencia no seo dos progresistas
que vai defender as propostas do chamado liberalismo
democrático, é dicir, aquel que defende a soberanía popular e o sufraxio universal
sen restricións; a participación do pobo nas institucións do Estado, incluindo
a administración de xustiza (a través dos xurados) e a defensa nacional das
liberdades (milicia nacional). Proclama o respecto ás leis xerais como único
límite ao disfrute dos dereitos e liberdades individuais, en especial a
liberdade de expresión, reunión e asociación, así como a liberdade de cultos e
a separación entre Igrexa e Estado. Finalmente, defende a libre alternancia
política como expresión da vontade popular e a ríxida separación de poderes,
considerando que o poder executivo pode ser exercido por un monarca ou un
presidente da república. Disto último se desprende que os liberais demócratas
tamén se dividiron entre monárquicos e republicanos.
A todos estes grupos
ou familias políticas fai referencia o documento
4. Foi o liberalismo moderado quen se impuxo e o que predominou ao contar
co apoio da Coroa. Entre 1833 e 1868, tanto os rexentes como a propia Isabel
II, mostraron a súa predilección polas opcións moderadas. A Constitución de
1845 (documento 2) en vigor de
1845-54 e no período 1856-68 é un bo
exemplo de como os moderados impoñen a soberanía compartida entre a Coroa e as
Cortes, coa supremacía política do monarca; a implantación dunha forte
centralización e a redución da participación popular só aos grupos máis ricos
da sociedade mediante un sufraxio fortemente censatario; restrición ás
liberdades individuais, impoñéndose por exemplo, a censura na prensa; e a
confesionalidade do Estado.
Esa preferencia da
Coroa polos moderados obrigou aos progresistas a ter que empregar a violencia
para poder gobernar. O método empregado foi sempre o mesmo: recorrer á
revolución mediante a realización dun pronunciamento e a formación de
xuntas, contando coa participación dos xefes militares e o apoio popular. O
pronunciamento, descrito no documento 3
como unha mostra de debilidade do poder civil fronte o militar, afunde as súas
raíces nas conspiracións contra Fernado VII, e constitúe o levantamento de
parte do exército que se pronuncia a favor da substitución do goberno de turno.
Ademáis dos efectuados durante a rexencia de María Cristina até a promulgación
de constitución de 1837; e xa reinando Isabel II, entre 1844 e1868, sucedéronse
até 11 pronunciamentos progresistas, a maioría deles fracasados, coa excepción
do protagonizado por O’Donnell (A Vicalvarada) en 1854, que trae consigo o
Bienio Progresista e o levado a cabo en 1868 por Prim para poñer fin ao seu
reinado. Eses espadóns ou xenerais
(Espartero, O´Donnell, Nárvaez, Serrano,
Prim...) acabaron por convertirse en árbitros da política, ocupando a xefatura
do Goberno.
No entanto, tras o
éxito destes pronunciamentos, pasado o perigo e co pobo desilusionado ante os
cambios prometidos polos progresistas e non realizados, a Coroa acababa
restablecendo aos moderados no poder.
Malia todo non
podemos obviar algúns logros dos gobernos progresistas, como as
desamortizacións dos bens eclesiásticos e dos concellos impulsadas por
Mendizábal (1835) e Madoz (1855) respectivamente. Ou a Lei de Ferrocarrís
(1855) que sentou as bases para a formación da rede ferroviaria española.
Non podemos rematar
a nosa composición sen mencionar os acontecementos que poñen fin en1868 ao
reinado de Isabel II, e que se mencionan no documento 5. A crise política na que entra España en 1866, debido a
profundas discrepancias entre a raíña e O´Donnell, trae consigo o acceso á
xefatura do Goberno de Narváez, quen goberna de forma case dictatorial para
conter ás forzas opositoras formadas por progresistas radicais, demócratas e
republicanos. Desde o exilio, e baixo o liderato do xeneral Prim, acordan
mediante os Pactos de Ostende e Bruxelas unir esforzos para derrocar á raíña. A
morte de Narváez non fai senón precipitar os acontecementos e, en setembro de
1868, contando co apoio tamén de Serrano e o exército, prodúcese en Cádiz a
revolución denominada Gloriosa. Tras a batalla de Ponte de Alcolea entre
revolucionarios e leais a raíña, con victoria dos primeiros e a creación de
numerosas xuntas revolucionarias nas cidades, Isabel II é forzada a abandoar
España cara ao exilio.
Un novo Goberno
Provisional, dirixido por Serrano, e inspirado nos principios do liberalismo
democrático, abría consigo tamén unha nova etapa constituínte en España.
Ningún comentario:
Publicar un comentario