COMPOSICIÓN SOBRE O SEXENIO
DEMOCRÁTICO (1868-1874)
Doc.1.-O 27 de setembro de 1868, a Xunta de Goberno de Málaga
súmase con esta proclama á revolución coñecida como Gloriosa:
“Aspiramos á liberdade de conciencia (...). Imos, pois, establecer
a liberdade de cultos.
Aspiramos á liberdade de sufraxio (...), proclamamos o sufraxio
universal.
Aspiramos á liberdade da razón, e queremos o ensino libre, e que o
pensamento escrito circule sen traba.
Aspiramos, en fin, á liberdade económica e de asociación (...).
Queremos Cortes Constituíntes, expresión fiel da soberanía da
Nación, para que promulguen unha Constitución (...).
Cidadáns: ¡Viva a liberdade! ¡Viva a soberanía nacional! ¡Abaixo
os Borbóns!”.
Doc.2.-Constitución de 1869:
“A Nación Española, e no seu nome as Cortes Constituíntes,
elixidas por sufraxio universal, desexando afianzar a xustiza, a liberdade e a
seguridade, e prover ao ben de cantos vivan en España, decretan e sancionan a
seguinte Constitución (...):
Art. 17. Tampouco pode ser privado ningún español: do dereito de
emitir libremente as súas ideas e opinións, xa de palabra, xa por escrito
(...). Do dereito de reunirse pacificamente. Do dereito de asociarse para todos
os fins da vida humana que non sexan contrarios á moral pública (...).
Art. 32. A soberanía reside esencialmente na nación, da cal emanan
todos os poderes.
Art. 33. A forma de goberno da Nación Española é a Monarquía.
Art. 34. A potestade de facer as leis reside nas Cortes. O Rei
sanciona e promulga as leis.
Art. 35. O poder executivo reside no Rei, que o exerce por medio
dos ministros.
Art. 36. Os tribunais exercen o poder xudicial”.
Doc.3.-Renuncia ao trono de Amadeo I (11 de febreiro de 1873):
“Dous anos longos hai que cingo a coroa de España, e a España vive
en constante loita, vendo cada día máis distante a era de paz que tanto desexo
(...). Todos invocan o doce nome da patria, todos pelexan e axítanse polo seu
ben; e entre o fragor do combate, entre o confuso, atronador e contraditorio
clamor dos partidos, entre tantas e tan opostas manifestacións da opinión
pública, é imposible afirmar cal é a verdadeira, e máis imposible aínda atopar
o remedio para tamaños males. Busqueino dentro da lei ansiosamente e non o
atopei. Fóra da lei non debe buscalo quen prometeu observala (...).
Estas son, señores deputados, as razóns que me moven a devolver á
nación, e no seu nome a vosoutros, a Coroa que me ofreceu o voto nacional
(...)”.
Doc.4.-Proxecto de Constitución federal de 1873:
“Art. 1. Compoñen a Nación Española os Estados de Andalucía Alta,
Andalucía Baixa, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias (...).
Art. 39. A forma de goberno da Nación Española é a República
federal (...).
Art. 42. A soberanía reside en todos os cidadáns, e exércese en
representación súa polos organismos políticos da República constituída por
medio do sufraxio universal.
Art. 43. Estes organismos son: o Municipio, o Estado rexional, o
Estado federal ou Nación (...).
Art.45. O poder da Federación divídese en poder lexislativo,
poder executivo, poder xudicial e poder de relación entre estes poderes”.
Mediante a relación de documentos de distinta natureza que se
nos presentan, imos analizar un período da historia contemporánea española denominado
Sexenio Democrático (1868-74), que constituiu un paréntese na continuidade dinástica
borbónica, -ao enviar ao exilio á raíña Isabel II- e que remata coa Restauración
en mans do seu fillo Afonso XII.
O de Isabel II foi un reinado convulso, caracterizado polas
diferenzas e disputas entre os distintos grupos liberais sobre os principios
configuradores do Estado, o que veu ocasionando frecuentes cambios
constitucionais e políticos. Durante ese período dominaron dous réximes
políticos liberais: o progresista, vixente entre 1836 e 1843, e o moderado,
entre 1843 e 1868, no que Isabel II se apoiou en militares de alta graduación
que exerceron a xefatura de goberno – os espadóns- como foron Narváez ou
O’Donnell.
Desde 1845 a Constitución e a Lei de Concellos incrementaron o
poder da raíña, implantaron unha forte centralización e o sufraxio censatario.
A frecuente suspensión das garantías constitucionais, a represión sobre a
diverxencia política e o recurso á corrupción electoral para dominar as Cortes,
fixeron que a oposición política non tivese máis saída que recorrer á violencia
e aos pronunciamentos, que culminarían en 1868 coa súa expulsión do trono.
Así, en 1866 e 1867, as forzas da oposición progresistas e
demócratas no exilio, lideradas polo xeneral Prim, asinaron os pactos de
Ostende e Bruxelas que perseguían o seu derrocamento, aos que se lles sumaron
desde España os membros da formación política Unión Liberal, encabezados por
Serrano.
En setembro de 1868, nun contexto de malestar crecente da
poboación – provocado polas malas colleitas, as dificultades económicas da
industria e das finanzas e as actuacións da raíña- as forzas da oposición deron
inicio a un proceso revolucionario apoiado en boa parte do exército e as masas
populares: a “Setembrina” ou “Revolución
Gloriosa”.
Este proceso, como tantos outros, comeza con un
pronunciamento militar, en este caso das tropas da Mariña de Cádiz, ao que se
lle uniron outras guarnicións. Desartellada a resistencia das tropas leais á
raíña en Alcolea, xurdiron espontáneamente numerosas xuntas revolucionarias en
diversas cidades españolas, ao berro de Abaixo
os borbóns, España con honra!!!
Málaga foi unha destas cidades, e no doc. 1 temos unha mostra de proclama revolucionaria na que
basicamente se definen as reclamacións democráticas do sufraxio universal ou a
liberdade de prensa, ensino e asociación.
O triunfo da Gloriosa
obriga a Isabel II a abandonar España cara ao exilio en París. Un goberno
provisional, de unionistas e progresistas, presidido por Serrano, asumiu os
principios demandados polas xuntas revolucionarias: instaurou as liberdades
básicas, adquirindo protagonismo a relixiosa; promulgou medidas librecambistas,
como a supresión do imposto de consumos, e convocou Cortes consituíntes
elexidas por sufraxio universal. As eleccións demostraron que España era máis
antiborbónica cá republicana, xa que triunfaron opcións a favor dunha monarquía
democrática. A Constitución aprobada en 1869 – doc. 2- está inspirada nos principios do liberalismo democrático e
establece a soberanía nacional e o sufraxio universal masculino, a liberdade de
culto e dereitos como o de asociación e reunión. Considera a monarquía como
forma de goberno e unha separación de poderes nos que o poder executivo reside
no rei a través dos ministros – responsables perante as Cortes- mentres que o
poder lexislativo está en mans dun parlamento bicameral (Congreso e Senado) e o
xudicial a cargo de tribunais formados por xuíces nomeados a través dun sistema
de oposicións, e xurados populares.
Nomeado Serrano rexente provisional, procurouse un novo
monarca para España: tiña que ser católico, liberal e contar coa aprobación das
potencias europeas. A suxerencia de Prim, convidaron a Amadeo de Savoia, fillo
do rei de Italia, Vittorio Emanuele II, a aceptar a Coroa. En xaneiro de 1871
xurou a Constitución. Sen embargo, o seu reinado non sería nada fácil: non tiña
experiencia de goberno (era de formación militar), descoñecía o idioma e non
contaba con apoios. A aristocracia via nel un intruso; a Igrexa non lle
perdoaba que admitise a liberdade de cultos; o pobo non simpatizou con el e
carlistas, republicanos e afonsinos – partidarios do príncipe Afonso-
simplemente o rexeitaban de plano.
O asasinato de Prim – o seu valedor- pouco antes da súa
chegada a España e a inestabilidade política ocasionada pola ruptura da
coalición gubernamental (unionistas, progresistas e demócratas) e polas
disputas entre os seus líderes (Serrano, Sagasta e Ruiz Zorrilla) nas que non
quixo interferir tomando partido, deixárono só e illado nun continuado bloqueo
parlamentario. A isto sumáronselle o desenvolvemento da insurrección cubana, o
estoupido da Terceira Guerra Carlista en Navarra e o País Vasco e o labor de
desgaste emprendido polos republicanos –con insurreccións en Andalucía e
Cataluña- e polo movemento obreiro influenciado pola Comuna de París e a I
Internacional.
Con tal desgaste, e véndose impotente para formar un goberno
forte, tras tres procesos electorais e a sucesión de seis gobernos diferentes
en pouco máis de dous anos, Amadeo I resolve abdicar en febreiro de 1873, como
se desprende da declaración que fai no doc.
3
Nestas circunstancias, as Cortes españolas formaron unha
Asamblea Nacional á procura doutras alternativas. Non atopándoas, proclamouse a
República. Castelar diría: “Coa renuncia
de Amadeo morre a monarquía democrática. Ninguén acabou con ela. Morreu por si
mesma”.
A I República terá unha vida breve, considerándose a
radicalización dos principios políticos presentados na época da Gloriosa. A Asamblea Nacional
Republicaba asumiu todos os poderes e nomeu a Estanislao Figueras presidente e
xefe de goberno á vez. As diferenzas pola organización político-administrativa
do país non tardaron en mostrarse: unitarios
(defendían unha república unitaria), federais
gradualistas (reparto de poderes entre o Estado federal e os Estados que
formasen a federación definida polas Cortes constituíntes, no que destacou Pi i
Margall); e federais intransixentes ou
cantonalistas (proclamación da soberanía das unidades políticas inferiores
– cantóns e Estados- para construír por acordo libre entre iguais, a federación
española).
As tensións republicanas provocaron a convocatoria de
eleccións constituíntes que, nun ambiente de enorme abstencionismo (>60%) déronlle
a vitoria aos federalistas. Nomeada a República Federal, baixo a presidencia
executiva de Pi i Margall, elaborouse a
partir de xuño de 1873 o proxecto de Constitución que resume o doc. 4, e que organizaba España como
unha federación de dezasete Estados federados, entre os cales estban Cuba e
Puerto Rico, e co recoñecemento da autonomía municipal. O reparto de poderes
exercíase da seguinte maneira:
- poder executivo: presidente do goberno e ministros
-poder lexislativo: Asamblea Nacional Republicana bicameral –
o Senado, representativo dos Estados federados- e o Congreso elexido por
sufraxio universal directo.
-poder xudicial
-poder de relación entre os distintos poderes: Presidente da
República, elixido por sufraxio universal, e quen nomeaba ao Goberno.
A axitación social e política incrementouse en toda España: folgas
e protestas estimuladas pola FRE (Federación Regional Española, membro da AIT);
ocupación de terras por parte de campesiños, disturbios graves como o de Alcoi
con asasinatos de autoridades e incendio de fábricas…
Paralelamente, os federais intransixentes estimularon a
declaración de independencia de cantóns sobre todo no Levante e Andalucía, sen
agardar á aprobación da Constitución (como en Cartaxena).
Isto propiciou a dimisión de Pi i Margall, e que Nicolás
Salmerón, o novo presidente, sufocase o cantonalismo e o reavivamento da guerra
carlista no Norte apoiándose nos militares. Presionado por estes, que querían
restablecer a orde pública e a autoridade a toda costa, tamén dimitiu antes que
asinar penas de morte.
Emilio Castelar, desde setembro, obtivo poderes
extraordinarios da Asamblea para facer fronte ao cantonalismo, a guera carlista
e a insurrección cubana, gobernando por decreto e tomando medidas represivas
moi duras. O intento dos federais descontentos por escoller un novo presidente
foi abortado polo xeneral Pavía que disolveu a Asamblea en xaneiro de 1874.
A partir de aí iríanse precipitando os acontecementos que
porían fin á experiencia republicana: asunción do poder executivo por parte do
xeneral Serrano, apoiado en militares e políticos radicais, suspensión de
garantías constitucionais baixo a promesa de convocatoria de Cortes unha vez
pacificado o país, combate e redución do cantonalismo e dos carlistas… Todo
isto, unido ao crecente temor das clases propietarias e do exército a que se
desintegrase España e se xeralizase a revolución social, motivaron que en
certos sectores se falase da Restauración da monarquía na persoa de Afonso de
Borbón. Mentres se iniciaban conversas entre Canovas del Castillo e o fillo de
Isabel II para preparar o regreso a unha monarquía respectuosa co sistema
constitucional e liberal, o 29 de decembro de 1874, en Sagunto, o xeneral
Martínez Campos pronunciábase a favor da monarquía sen atopar demasiadas
resistencias. Era a fin da I República e do Sexenio Democrático.
Ningún comentario:
Publicar un comentario