O SISTEMA POLÍTICO DA RESTAURACIÓN
ORIENTACIÓNS: Os
seguintes documentos permiten elaborar unha composición sobre os
fundamentos políticos da Restauración borbónica e o funcionamento
real do sistema. Na redacción, debes abordar as seguintes cuestións:
A concepción do sistema como unha monarquía constitucional; a
dinámica da “quenda pacífica” entre dous partidos; a
manipulación caciquil e electoral. Lembra que non se trata de
responder a preguntas illadas, senón de realizar unha composición
coherente e argumentada, e que na avaliación se terán en conta os
coñecementos, a utilización dos documentos e a corrección da
expresión escrita.
Doc.1.-O
Manifesto de Sandhurst presenta en 1874 o programa político da
Restauración:
“Orfa a nación
agora de todo dereito público e indefinidamente privada das súas
liberdades, natural é que volva os ollos ao seu habitual dereito
constitucional e a aquelas libres institucións que nin en 1812
impediron que defendese a súa independencia nin rematar en 1840
outra empeñada guerra civil (...).
Afortunadamente,
a Monarquía hereditaria e constitucional posúe nos seus principios
a necesaria flexibilidade (...) para que todos os problemas que traia
o seu restablecemento consigo sexan resoltos de conformidade cos
votos e a conveniencia da nación. Non hai que agardar que decida eu
nada en firme e arbitrariamente; sen Cortes non resolveron os
negocios arduos os Príncipes españois alá nos antigos tempos da
Monarquía, e esta xustísima regra de conduta non hei esquecela eu
na miña condición presente, e cando todos os españois están xa
afeitos aos procedementos parlamentarios”.
Doc.2.-Constitución
de 1876:
“Don Alfonso
XII, pola Graza de Deus, rei constitucional de España; a todos os
que as presentes viren e entenderen, sabede: Que en unión e de
acordo coas Cortes do reino, actualmente reunidas, viñemos en
decretar e sancionar a seguinte Constitución da Monarquía española
(...):
Art.11. A
relixión Católica, Apostólica e Romana é a do Estado. A nación
obrígase a manter o culto e os seus ministros (...).
Art.18. A
potestade de facer as leis reside nas Cortes co Rei.
Art.19. As Cortes
están formadas por dous corpos colexisladores iguais en facultades:
o Senado e o Congreso dos Deputados (...).
Art.50. A
potestade de facer executar as leis reside no Rei (...)”.
Doc.3.-Gobernos
da quenda pacífica, 1875-1902:
1875-1881 Cánovas, Martínez Campos
1881-1884
Sagasta, Posada Herrera
1884-1885
Cánovas
1885-1890
Sagasta
1890-1892
Cánovas
1892-1895
Sagasta
1895-1897
Cánovas
1897-1899
Sagasta
1899-1901
Silvela, Azcárraga
1901-1902
Sagasta
Doc.4.-Benito
Pérez Galdós critica o caciquismo en Política española (antoloxía
de artigos), 1884:
“Consecuencia
de todo iso é o caciquismo, o entronizamento de certos individuos
nas localidades, os cales, como instrumentos do deputado, son donos
dos resortes administrativos (...). O cacique dá e quita os
miserentos postos de traballo que gozan os máis pobres do lugar;
seus son o carteiro, o secretario do Concello, o peón camiñeiro, o
expendedor de efectos estancados. O cacique é quen, ao facer o
reparto da contribución, carga a man ao adversario, alixeirando ao
amigo (...). Verdade é que o tirano da aldea, que tan grandes
servizos presta ao deputado, someténdolle a localidade, abruma a
este coas súas esixencias (...)”.
Doc.5.-Valentí
Almirall, republicano federal, denuncia o fraude electoral (1880):
“Entre nós
reina a farsa en toda a súa crueza, unha farsa completa, exclusiva
das eleccións españolas. O mesmo se o sufraxio é universal que
restrinxido, nunca hai máis que un só elector: o ministro da
Gobernación. Este cos seus gobernadores de provincia e o innumerable
exército de empregados de todas clases, sen excluír os altos cargos
da maxistratura e do profesorado, prepara, executa e consuma as
eleccións (...), dende o fondo do seu despacho, situado no centro de
Madrid (...). Nada hai que sexa sagrado: listas electorais, urnas,
escrutinio, todo é falseado polos nosos políticos baixo a inmediata
dirección do gobernador civil de cada provincia”.
MODELO DE PROBA:
AS
BASES DA RESTAURACIÓN BORBÓNICA
Dende
1876 ata 1923, aínda que con moitas dificultades ó final, estivo
vixente en España un mesmo sistema político, coñecido como o
sistema da Restauración ou sistema canovista (por ser Cánovas del
Castillo o seu principal creador) que
imos analizar a través deste conxunto de documentos que agora se nos
presentan. Tratouse dun sistema
conservador, que beneficiaba ós grupos dominantes e que resultaba
moi pouco democrático. Pretendíase acabar con algún dos problemas
do Estado español típicos da etapa anterior, como o monopolio do
poder por parte dos moderados, a intervención dos militares na vida
política mediante os pronunciamentos ou os enfrontamentos civís
entre os españois. A Restauración, que
coincide no tempo cos reinados de Afonso XII e Afonso
XIII,
foi un longo período da nosa historia contemporánea, un tempo de
estabilidade constitucional, de modernización económica e de
alonxamento do exército da vida política, pero tamén foi unha
época de dominio da burguesía oligárquica, de caciquismo e de
fraude electoral.
O
principal ideólogo do sistema da Restauración foi Antonio Cánovas
del Castillo, un político conservador e pragmático ó mesmo tempo.
Aproveitándose
da crise da Primeira República, foi tecendo unha ampla rede de
apoios á causa borbónica entre grupos de militares, aristócratas e
burgueses, temerosos do avance das conquistas democráticas que se
produciran durante o Sexenio. Claro
defensor da monarquía encarnada
nos Borbóns,
impulsou
os contactos co Príncipe de Asturias e fillo da exilada
raíña
Isabel II, Afonso, preparando
o terreo para a súa chegada a España.
En
1874
redacta, en nome do futuro rei, o
Manifesto
de Sandhurst (doc.1)
– chamado así por ser a academia militar británica onde Afonso,
de
dezasete anos, estaba rematando a súa formación-
. Este
manifesto responde
aos intereses dos que buscaban unha orde liberal estable, así como
poñer fin ao deterioro político, á guerra carlista e á
insurreción cubana. Co manifesto, apélase á lexitimidade histórica
de dous
elementos propios da tradición española:
a
Monarquía (que representaría a tradición e a autoridade) e as
Cortes (representando a liberdade e a vontade do pobo). Estas dúas
institucións podían
representar
á nación estando equilibradas e
compartindo a soberanía. A Coroa debía ser
a
peza clave do sistema, a que garantise a orde social vixente; pero
unha vez asegurado o principio monárquico hereditario na familia de
Afonso XII e as súas prerrogativas políticas, todo o demais podía
ser obxecto de discusión e elaboración nas Cortes.
O
29 de Decembro dese ano, o xeneral Martínez Campos dá un
pronunciamento en Sagunto proclamando rei a Afonso XII, sin apenas
oposición no país. Unha
vez instalado
o
monarca en
España e nomeado
xefe de Goberno Cánovas, este convocou eleccións constituíntes
para asentar
as
bases políticas da monarquía, eleccións que foron amplamente
gañadas polo partido do goberno. As novas Cortes, seguindo os
principios canovistas, aprobaron a Constitución
de 1876 (doc.
2)
na que se establecía o modelo político que responde a unha
monarquía
constitucional doutrinaria conservadora. A
Constitución de 1876 foi elaborada co obxectivo de obter un texto
breve e flexible, á medida do sistema canovista, e
dos dous grandes partidos dinásticos que
terán protagonismo na
Restauración, o que permitiu que tivese unha longa vixencia (47
anos). Nela aparecen recollidos os puntos fundamentais do novo modelo
a impoñer. Inspirada nos principios do liberalismo doutrinario, e
sobre todo na Constitución moderada de 1845, trata
de combinar elementos típicos do pensamento conservador, como a
defensa da familia, da relixión e da propiedade, abríndose a algúns
dos elementos democráticos da Revolución de 1868. Os principais
trazos da nova Constitución foron:
-O
rei gozaba
de importantes poderes (compartía a soberanía coas Cortes, nomeaba
libremente o
goberno e os ministros sen a aprobación das Cortes e que eran
responsables ante o Parlamento, sancionaba e promulgaba as leis,
posuía iniciativa legal e dereito de veto, puidendo ademais
suspender e disolver
as
Cortes). Ademais, era o comandante supremo das forzas armadas, un
auténtico rei-soldado, e dirixía a política internacional. A Coroa
era un dos principais pilares do novo réxime.
-En
canto ás Cortes,como
se ve no Art. 19º, seguen sendo bicamerais (un Congreso de deputados
elexidos e un Senado cunha parte de membros escollidos polo propio
rei). As Cortes tiñan iniciativa legal compartida co rei e estaban
subordinadas á Coroa (Art. 18º).
-Os
dereitos
e liberdades aparecían
amplamente recollidos, pero sen desenvolver, polo que dependeron de
leis posteriores para a súa especificación (lei do sufraxio
universal, lei de imprenta, lei de asociación…). Isto permitía
ben un tratamento restrictivo (cos conservadores), ou ben
liberalizador (cos liberais), de acordo coa vontade do Goberno
vixente.
-En
canto á cuestión
relixiosa,
o catolicismo declarouse a relixión do Estado (Art. 11º), pero
recoñecéndose a tolerancia das demais relixións (liberdade de
conciencia e de culto).
-A
Constitución de 1876 , finalmente, defendía un modelo de Estado
fortementeunitario
e centralista (nese
mesmo ano, o Goberno de Cánovas aboliu os privilexios forais vascos
e ó ano seguinte aprobou unha nova Lei Municipal de tipo centralista
.
No
Doc.
3,
que
é unha
relación de periodos de goberno e partidos entre
1885 e 1902,
temos
unha visión
doutro dos principais fundamentos políticos da Restauración: o
turnismo. Coñecido tamén como alternancia ou quenda pacífica de
partidos, tratábase dun principio político introducido por Cánovas.
Este baseaba a estabilidade política na existencia de dous grandes
partidos monárquicos, un no Goberno e outro na oposición, que se
alternarían de forma pacífica no exercicio do poder. Na tarefa de
aglutinar ás forzas dinásticas contou co apoio do outro gran líder
político do liberalismo español do momento, Sagasta. Era un modelo
bipartidista claramente inspirado no británico, que o propio Cánovas
admiraba, adoptando incluso os mesmos nomes. Así, apareceron en
España o chamado Partido
Conservador (dirixido
polo propio Cánovas), e que incluía ós antigos moderados e ós
unionistas; e pola outra banda o Partido
Liberal, liderado
por Sagasta, agrupando ós antigos progresistas, demócratas,
radicais e republicanos moderados.
Prácticamente,
os dous partidos coincidían no esencial (defensa da monarquía, da
Constitución, da propiedade privada, do sistema capitalista e da
centralización administrativa). Polo tanto, representaban os
intereses da alta burguesía e das clases medias acomodadas. Ademais,
eran partidos de minorías, contrariamente a outras forzas cunha
maior cantidade de afiliados ou de masas, como o socialista.
Ámbolos
dous considerábanse como partidos dinásticos, por defender a
Monarquía e aceptar o sistema da Restauración, e foron
os
únicos que formaron Goberno durante 50 anos (partidos de quenda que
se alternaban no Goberno do Estado).
En
canto á súa actuación política, as diferencias entre os dous
partidos eran mínimas, xa que incluso entre eles pactaran non
promulgar leis que tivesen que ser abolidas polo goberno de turno.
Conscientes
de
que para
os seus intereses os
cambios de goberno non podían depender dunha auténtica
participación democrática do pobo,
Sagasta e Cánovas argallaron o sistema da quenda pacífica no poder
dos respectivos partidos, un particular “bipartidismo” totalmente
amañado e sen depender dos resultados electorais. O
sistema funcionaba de tal maneira que cando un Goberno tiña
dificultades para seguir a súa labor ou sufrira un forte desgaste
político por un determinado conflicto, o rei nomeaba como novo xefe
de Goberno ó líder da oposición. Para que puidera gobernar cun
amplo apoio parlamentario, o rei disolvería as Cortes e convocaría
novas eleccións, que necesariamente tiña que gañar o novo Goberno
para ter apoio no parlamento, e sempre se conseguía o éxito
electoral, o que nos dá idea do funcionamento anómalo e
extraordinario do sistema canovista.
No
Doc.
4,
o
escritor Benito
Pérez
Galdós fai referencia a unha das ferramentas básicas para que
funcionase axeitadamente o sistema canovista: o papel do caciquismo.
O control caciquil, polo tanto, foi unha das pezas imprescindibles da
quenda pacífica de partidos, xa que o dominio por eles exercido
permitía “fabricar” resultados electorais á medida do partido
que acababa de asumir
o
poder. O cacique era un personaxe local que tiña unha gran
influencia ou poder sobre as autoridades e sobre os veciños dunha
comarca, territorio ou poboación, sobre todo no mundo rural, grazas
ó seu control dos concellos, do mercado laboral ou das terras, e que
empregaba esta influencia en servicio do candidato do goberno
central. Dito poder e influencia están
claramente recollidos
ó longo do artigo de Galdós. Os caciques eran imprescindibles para
controlar os resultados electorais. Nalgúns casos, a forza do
caciquismo permitía que moitos distritos fosen sempre controlados
pola mesma familia ou saíse sempre elixida a mesma persoa
(“distritos enfeudados”). Destacar que o caciquismo foi unha das
lacras políticas máis vergonzosas do sistema canovista, e un dos
elementos máis criticados pola oposición política.
Por
outra banda, e como última base ou piar do sistema canovista, temos
o emprego da chamada fraude
electoral que
denuncia o republicano Valentí Almirall no
doc. 5: A
necesidade que tiñan os gobernos da Restauración de gañar
as
eleccións xerais e ter maioría nas Cortes, provocou o seu
falseamento permanente e o desenvolvemento dunha ampla rede de
relacións e influencias baseada na unión dos notables locais e no
rexeitamento e manipulación das masas populares. Nesta fraude
electoral tiveron un papel primordial o Ministro da Gobernación, o
Gobernador civil e os caciques. O sistema funcionaba de arriba
abaixo, seguindo a estrutura da chamada “pirámide
da fraude electoral”.
En
síntese, o réxime político dominante na Restauración borbónica
foi unha Monarquía
constitucional doutrinaria favorable
ós intereses sociais, políticos e económicos das clases burguesas
e aristocráticas, que mantivo fóra do xogo político á maioría do
país. Un réxime
oligárquico, clerical en
moitos aspectos, sen
democracia,
pseudoparlamentario,
cunha clase política formada por camarillas de notables unidos para
poder ocupar os cargos públicos dun Estado (invertebrado e débil)
no que o caciquismo
constituía
a verdadeira estrutura político-administrativa do goberno. Un réxime
que manifestaba o profundo egoísmo social dos grupos dominantes que
pretendían simplemente asegurar
o
seu monopolio do poder e protexer a súa hexemonía social e
económica. Finalmente, e tras unha serie de graves crises (1898,
1909 e 1917), e ante a imposibilidade do propio sistema de
democratizarse, a Restauración remataría co golpe de Estado de
Primo de Rivera en 1923.
Ningún comentario:
Publicar un comentario