Os
seguintes textos deben permitirche facer unha redacción sobre o
movemento obreiro en España dende as súas orixes ata a crise da
Restauración.
Nela
debes desenvolver as seguintes cuestións:
1.Razóns
das mobilizacións obreiras, derivadas da nova conflitividade entre
burguesía e clase obreira que é propiciada pola avance da
industrialización
2.
As
reivindicacións obreiras nos ámbitos sociolaboral (condicións de
traballo, dereito de asociación, xornada, traballo feminino e
infantil, salarios...) e político, destacando neste último o papel
da conflitividade obreira na crise da Restauración.
3.
A evolución das formas de loita e organización obreira no tempo:
ludismo, asociacionismo, internacionalismo, sindicalismo.
4.
A
caracterización das principais organizacións de traballadores (UGT,
CNT), destacando o protagonismo do anarquismo e do socialismo como
tendencias ideolóxicas predominantes no movemento obreiro.
Doc.1.-A
destrución das máquinas. O exemplo da Fábrica de Tabacos da Coruña
recollido en El
País. Diario de Pontevedra (13
de decembro de 1857):
“O
luns 7 do actual houbo un pronunciamento de mulleres na fábrica da
Palloza desta cidade (A Coruña). Parece que no canto dos cigarros
que antes se facían nesta fábrica, están agora ensaiando a
construción doutros de diferente feitura e (…) crearon un taller
de pitos cunha máquina para picar o tabaco. Como ambas operacións
son novas, non se prestan nin acomodan a elas as cigarreiras, porque
non saben facelos, tardando tanto en elaboralos que a penas sacan a
terceira parte do xornal que adoitaban (…). Alporizáronse aquelas
catro mil mulleres, arremetendo contra os xefes e empregados do
establecemento, destruíndo todo o tabaco (…), racharon e fixeron
anacos as máquinas novas (…), tirándoas ao mar, o mesmo que os
mobles, papeis, libros de caixa e efectos que atoparon nas
habitacións do director”.
Doc.2.-En
setembro de 1855, El
Eco de la Clase Obrera publicaba
a seguinte petición ás Cortes:
“Señores
Deputados das Cortes Constituíntes: Hai anos que a nosa clase vai
camiñando cara a súa ruína. Os salarios minguan. O prezo dos
comestibles e das habitacións é máis alto. As crises industriais
sucédense. Temos que (...) mandar ao taller ás nosas donas con
prexuízo da educación dos nosos fillos, sacrificar a estes mesmos
fillos a un traballo prematuro. É xa gravísimo o mal, urxe o
remedio, e agardámolo de vosoutros. Non pretendemos que ataquedes a
liberdade do individuo, porque é sagrada e inviolable; nin que
matedes a concorrencia, porque é a vida das artes; nin que carguedes
sobre o Estado a obriga de socorrernos, porque coñecemos os apuros
do Tesouro. Pedímosvos unicamente o libre exercicio dun dereito: do
dereito de ASOCIARNOS. Hoxe concédesenos só para favorecernos nos
casos de enfermidade ou de falta de traballo; concédasenos en
adiante para opoñernos ás desmedidas esixencias dos donos dos
talleres, establecer de acordo con eles tarifas de salarios,
procurarnos os artigos de primeira necesidade a baixo prezo,
organizar o ensino profesional e fomentar o desenvolvemento da nosa
intelixencia, atender a todos os nosos intereses”.
Doc.3.-Neste
artigo publicado en setembro de 1872 en La
Defensa de la Sociedad,
advírtese do perigo que para a orde establecida supón a Asociación
Internacional de Traballadores (AIT):
“Proba
en verdade que atinxe a reis e pobos, a sacerdotes e profanos, ao
cidadán humilde e ao elevado magnate, á relixión, á moral, á
propiedade, ao traballo; á autoridade, á liberdade, á paz pública;
á patria, á familia, á seguridade persoal; á orde, ao goberno, á
economía política; e en fin, a todas as entrañas da vida da
humanidade. ¡Tremendo retroceso habería sufrir esta se en tal proba
saísen vencidos os principios tutelares da súa existencia e
desenvolvemento! E vencidos sairían se os ánimos rectos, se os
homes dos que os seus intereses morais e materiais están ameazados,
se as clases lexítimas cegamente combatidas, non abrisen a tempo os
ollos para ver e evitar o abismo onde empurra á sociedade enteira
esa tempestade de erros (...), políglota e cosmopolita, que se
titula a Asociación Internacional”.
Doc.4.-En
marzo de 1917, este Manifesto conxunto da UGT e a CNT propón a folga
xeral, que sería definitivamente convocada en agosto:
“O
proletariado organizado chegou así ao convencemento da necesidade da
unificación das súas forzas nunha loita común contra os
amparadores da explotación erixida en sistema de goberno. E
respondendo a este convencemento, os representantes da Unión
general de Trabajadores e
os da Confederación
Nacional del Trabajo acordaron
por unanimidade: Primeiro: (...) co fin de obrigar ás clases
dominantes a aqueles cambios fundamentais de sistema que garantan ao
pobo o mínimo das condicións decorosas de vida e de desenvolvemento
das súas actividades emancipadoras, imponse que o proletariado
empregue a folga xeral, sen prazo definido de terminación, como a
arma máis poderosa que posúe para reivindicar os seus dereitos”.
COMPOSICIÓN:
A
continuación preséntasenos un conxunto de documentos que nos vai
permitir disertar sobre a evolución do movemento obreiro en España
dende as súas orixes até o período da crise da Restauración, no
primeiro terzo do século XX.
O
concepto “movemento obreiro” fai referencia ao conxunto de
actividades desenvolvidas polos traballadores ao longo dos séculos
XIX e XX na consecución de melloras laborais e salariais.
Na
nova sociedade de clases que substituiu ao Antigo Réxime e, coa
introdución da industrialización e o desenvolvemento capitalista na
España liberal, repítese o proceso de antagonismo entre a burguesía
e o proletariado que se deu no resto de países alcanzados pola
Revolución industrial.
O
proletariado, a clase traballadora, non alcanza importancia numérica
significativa no noso país ata o século XX, e vaise concentrar nas
zonas industriais, como Cataluña, País Vasco, Asturias e, en menor
medida, os centros mineiros de Andalucía. Está formado por
traballadores procedentes do campo (éxodo rural) e dos talleres artesanais que
sucumbiran fronte a competencia das máquinas.
As
condicións de vida dos traballadores eran durísimas: longas
xornadas, salarios ao nivel de subsistencia, ausencia de dereitos,
sometemento ao ritmo das máquinas, falta de medidas de seguridade e
hixiene no traballo ou calquera tipo de cobertura social (seguro de
accidentes, de desemprego, etc.)... As familias dos barrios obreiros
vivían amoreadas en condicións de miseria extrema e insalubridade, carentes dos mínimos servizos.
Asemade,
tanto na agricultura, como nas fábricas ou nas minas, o emprego de
man de obra infantil – xa desde os seis anos- e feminina foi moi
habitual, pois o menor salario que recibían fronte ao dun varón
adulto animou a súa contratación por uns patróns ávidos por obter
elevados beneficios.
A
historia do movemento obreiro en España experimenta unha evolución
que vai dende as primeiras reaccións contra o uso das máquinas ata
a implantación de organizacións sindicais – algunhas aínda
vixentes na España actual- logo da adquisición por parte dos
traballadores do que se coñece como “conciencia de clase”, e da
implantación das ideoloxías que xorden en Europa.
En
paralelo cos inicios da industrialización e da introdución das
máquinas, nas décadas de 1820 e 1830 xorden as primeiras protestas
obreiras centradas na destrución e sabotaxe das máquinas, ás que
ven como causantes da perda de postos de traballo e do empeoramento
das súas condicións laborais. Estes movementos, chamados ludistas –
en referencia a Ned Ludd, personaxe ficticio inglés a quen se lle atribuían os atentados contra as máquinas e cartas ameazantes contra os patronos de aquel país- iniciáronse en Alcoi
(1821) e Cataluña (1835) pero continuaron, como podemos ver no doc.
1, durante décadas en forma de actos puntuais e de escasa
repercusión, -tal que é o caso das obreiras da fábrica de tabacos
coruñesa-, xa que se trataba de movementos esporádicos, de escasa
planificación e duramente reprimidos e castigados polas autoridades.
Inicialmente,
a lexislación liberal española, en apoio da liberdade de mercado e
de empresa, prohibía a formación de asociacións, polo que, nos
primeiros tempos, o asociacionismo obreiro estivo proscrito e, no seu
lugar, imitando ás antigas asociacións gremiais, xurdiron
sociedades de carácter mutualista e benéfico - similares ás Sociedades de Socorros Mutuos británicas- para poder facer
fronte, a través de montepíos e cooperativas de axudas, ás
continxencias propias dunha enfermidade, un despedimento ou a morte
dun obreiro. En calquera caso, e xa dentro da clandestinidade, estas
sociedades mantiñan igualmente o debate en torno á procura de
melloras salariais e de regulamentación do traballo – en especial
a xornada laboral- así como a formación de caixas de resistencia
coas que afrontar unha folga.
A
folga foi e segue a ser o medio máis eficaz de loita cando as
negociacións entre patróns e obreiros non chegan a un acordo: un
acto de forza, deixando o traballador de producir, para provocar que
o patrón se pregase ás demandas. Pero a folga tivo ao longo deste
período tamén un carácter revolucionario, cando se trataba de
folgas xerais que sumaban peticións de cambios políticos a aquelas
de índole laboral.
Durante
o Bienio Progresista (1854-56) do reinado de Isabel II, como se pode
apreciar no doc. 2, boa parte das reivindicacións obreiras se
centraron en conseguir superar as barreiras legais que impedían o
asociacionismo. Neste documento, dirixido ás Cortes, apréciase
como, a parte de facer unha descrición das condicións de vida dos
traballadores e as súas familias, demandan o libre exercicio do
dereito de asociación con fins reivindicativos na relación
patrono-obreiro, superando o fin asistencial das sociedades de
socorro mutuo, pero, á vez, sen pretender poñer en perigo nin a
libre competencia, nin a propiedade privada; nin sequera demandar do Estado a
obriga de dar unha cobertura social aos cidadáns.
En
1864 fundase en Londres a a Primeira Internacional (AIT), co
obxectivo de potenciar a unión e a loita dos traballadores pola súa
emancipación en todo o mundo. Tras
a revolución de 1868, a “Gloriosa”, e grazas ao recoñecemento
de maiores liberdades, as doutrinas da AIT difundíronse por España.
Nesta tarefa destacou Giuseppe Fanelli, seguidor das ideas
anarquistas de Bakunin. O seu labor de propaganda deu lugar en 1870
en Barcelona á formación da Federación Rexional Española (FRE),
organización constituída por distintas seccións obreiras e
integrada na AIT, que se expandiu por toda España, tanto nas zonas
industriais como entre os traballadores agrícolas. Chegou a ter
case 40.000 afiliados. Pola súa parte, a finais de 1871, Paul
Lafargue, xenro de Marx, contactara cos medios internacionalistas
españois formando en Madrid un pequeno grupo marxista, a Nova
Federación Madrileña, cuxo propósito era a fundación dun partido
obreiro.
A
FRE suscitou un forte temor entre o empresariado e os políticos
moderados, tal e como se deixa entrever no doc.
3,
de aí que tras os sucesos da Comuna de París (1871) e o
levantamento popular en Alcoi de 1873 -no que participaron numerosos
internacionalistas-, se prohibisen as súas actividades en 1874 coa
chegada da Restauración borbónica. En liñas xerais a Restauración
significou un paro no movemento obreiro, xa que as asociacións
estiveron prohibidas e a actividade sindical desenvolveuse na
clandestinidade, o que se traduciu nunha radicalización
revolucionaria.
As
disputas existentes no seo da AIT entre Marx e Bakunin propiciaron
unha crecente separación entre marxistas e anarquistas. Os primeiros
crían na loita de clases para modificar a sociedade a través da
revolución obreira, protagonizada por un proletariado organizado en
sindicatos e partidos políticos obreiros. Conquistado o poder polos
traballadores, debían impoñer a abolición forzosa da propiedade
privada e dos medios financeiros de produción – a ditadura do
proletariado-, que pasarían ao Estado. Na nova sociedade socialista
todos os individuos terían iguais condicións de vida grazas á
colectivización dos medios de produción.
En
canto aos anarquistas, o seu obxectivo era a transformación
revolucionaria e total da sociedade capitalsita mediante a destrución
do Estado e a eliminación de todas as estruturas e institucións que
significasen a prevalencia dunha autoridade (política, relixiosa,
familiar, económica ou militar). Coinciden na eliminación da
propiedade privada e das diferenzas socioeconómicas, pero renuncian á
loita política como medio para lograr a transformación da sociedade
– de aí que propugnen o abstencionismo e o retraemento eleitoral-,
recaendo esa responsabilidade nos traballadores, especialmente o
proletariado agrario, que se organizarían en comunas
autoxestionadas, onde a autoridade fose substituída pola
solidariedade e os acordos libres.
O
anarquismo viviu fortes discrepancias internas en razón dos métodos
suxeridos para levar a cabo os seus obxectivos: folga xeral
revolucionaria, creación de sindicatos, organizacións
clandestinas... pero tamén a través do emprego da violencia e do
atentado como propaganda activa.
En
España esa ruptura se produce no Congreso da AIT de Córdoba de
1872-73, que confirmou o predominio anarquista.
A
represión do sindicalismo polos conservadores durante os primeiros
tempos da Restauración fixo que os traballadores visen nos seus
gobernantes aos defensores dos patronos das industrias urbanas e
dos terratenentes do campo. A violencia campesiña e os atentados
terroristas sucedéronse desde 1881. A chegada de gobernos liberais
con Sagasta á cabeza propiciaron a consolidación de movementos
obreiros organizados, tras a súa legalización coa Lei de
Asociacións de 1887
Os
anarquistas, obreiros cataláns e campesiños andaluces
principalmente, crean a FTRE (Federación de Trabajadores de la
Región Española) para organizar un sindicato e defender ao
proletariado por medios legais. Porén, unha parte dese anarquismo en
Andalucía, nomeadamente en Cádiz, organízase en torno á Mano
Negra, partidaria das accións directas e da violencia como resposta
ás negativas dos terratenentes ás peticións de subas salariais e
da regulación do traballo a destallo, materializadas en folgas,
revoltas, incendios, asaltos a tendas... En 1888 a FTRE disolveuse e
os grupos anarquistas só logran poñerse de acordo esporadicmaente,
nas convocatorias de folga e manifestacións que desde 1890 celebran
o 1º de Maio. Durante a Semana Tráxica de Barcelona (1909)
reaccionaron ante a represión destada polo goberno de Maura coa
fundación do sindicato CNT (Confederación Nacional del Trabajo),
que vai defender a folga social revolucionaria como táctica esencial
da clase traballadora, sen participar no xogo político e só na
negociación directa cos empresarios.
Os
socialistas, baixo a dirección de Pablo Iglesias, fundan o PSOE, de
tendencia marxista e o sindicato UGT (1888), ligado ao partido.
Comezaba así o leve ascenso do socialismo, que vai gañando adeptos
principalmente nas grandes cidades, sen sufrir os altibaixos que
tiñan as organizacións anarquistas. PSOE e UGT combinan folgas e
manifestacións coa súa particpación nas eleccións.
Para rematarmos, faremos referencia á unidade circunstancial de marxistas e anarquistas xa ben entrado o século XX. Tal
como figura no doc. 5, ugetistas e cenetistas van protagonizar as
folgas xerais de 1917, no marco da crise que sufreu o sistema
político da Restauración. Por vez primeira en moito tempo, todo o
movemento obreiro, suscribindo o manifesto que se nos presenta,
estala coa convocatoria de folga de ferroviarios valencianos, aos
que se sumarán en agosto dese ano os de toda España. O seu
obxectivo, como consecuencia do malestar social xerado polas alzas
dos prezos, non era outro que o derrocamento do réxime e a
convocatoria de Cortes constituíntes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario