Powered By Blogger

venres, 25 de novembro de 2016

PROBAS SELECTIVIDADE 6 - O MOVEMENTO OBREIRO EN ESPAÑA

Os seguintes textos deben permitirche facer unha redacción sobre o movemento obreiro en España dende as súas orixes ata a crise da Restauración. Nela debes desenvolver as seguintes cuestións:
1.Razóns das mobilizacións obreiras, derivadas da nova conflitividade entre burguesía e clase obreira que é propiciada pola avance da industrialización
2. As reivindicacións obreiras nos ámbitos sociolaboral (condicións de traballo, dereito de asociación, xornada, traballo feminino e infantil, salarios...) e político, destacando neste último o papel da conflitividade obreira na crise da Restauración.
3. A evolución das formas de loita e organización obreira no tempo: ludismo, asociacionismo, internacionalismo, sindicalismo.
4. A caracterización das principais organizacións de traballadores (UGT, CNT), destacando o protagonismo do anarquismo e do socialismo como tendencias ideolóxicas predominantes no movemento obreiro.

Doc.1.-A destrución das máquinas. O exemplo da Fábrica de Tabacos da Coruña recollido en El País. Diario de Pontevedra (13 de decembro de 1857):

O luns 7 do actual houbo un pronunciamento de mulleres na fábrica da Palloza desta cidade (A Coruña). Parece que no canto dos cigarros que antes se facían nesta fábrica, están agora ensaiando a construción doutros de diferente feitura e (…) crearon un taller de pitos cunha máquina para picar o tabaco. Como ambas operacións son novas, non se prestan nin acomodan a elas as cigarreiras, porque non saben facelos, tardando tanto en elaboralos que a penas sacan a terceira parte do xornal que adoitaban (…). Alporizáronse aquelas catro mil mulleres, arremetendo contra os xefes e empregados do establecemento, destruíndo todo o tabaco (…), racharon e fixeron anacos as máquinas novas (…), tirándoas ao mar, o mesmo que os mobles, papeis, libros de caixa e efectos que atoparon nas habitacións do director”.

Doc.2.-En setembro de 1855, El Eco de la Clase Obrera publicaba a seguinte petición ás Cortes:

Señores Deputados das Cortes Constituíntes: Hai anos que a nosa clase vai camiñando cara a súa ruína. Os salarios minguan. O prezo dos comestibles e das habitacións é máis alto. As crises industriais sucédense. Temos que (...) mandar ao taller ás nosas donas con prexuízo da educación dos nosos fillos, sacrificar a estes mesmos fillos a un traballo prematuro. É xa gravísimo o mal, urxe o remedio, e agardámolo de vosoutros. Non pretendemos que ataquedes a liberdade do individuo, porque é sagrada e inviolable; nin que matedes a concorrencia, porque é a vida das artes; nin que carguedes sobre o Estado a obriga de socorrernos, porque coñecemos os apuros do Tesouro. Pedímosvos unicamente o libre exercicio dun dereito: do dereito de ASOCIARNOS. Hoxe concédesenos só para favorecernos nos casos de enfermidade ou de falta de traballo; concédasenos en adiante para opoñernos ás desmedidas esixencias dos donos dos talleres, establecer de acordo con eles tarifas de salarios, procurarnos os artigos de primeira necesidade a baixo prezo, organizar o ensino profesional e fomentar o desenvolvemento da nosa intelixencia, atender a todos os nosos intereses”.

Doc.3.-Neste artigo publicado en setembro de 1872 en La Defensa de la Sociedad, advírtese do perigo que para a orde establecida supón a Asociación Internacional de Traballadores (AIT):

Proba en verdade que atinxe a reis e pobos, a sacerdotes e profanos, ao cidadán humilde e ao elevado magnate, á relixión, á moral, á propiedade, ao traballo; á autoridade, á liberdade, á paz pública; á patria, á familia, á seguridade persoal; á orde, ao goberno, á economía política; e en fin, a todas as entrañas da vida da humanidade. ¡Tremendo retroceso habería sufrir esta se en tal proba saísen vencidos os principios tutelares da súa existencia e desenvolvemento! E vencidos sairían se os ánimos rectos, se os homes dos que os seus intereses morais e materiais están ameazados, se as clases lexítimas cegamente combatidas, non abrisen a tempo os ollos para ver e evitar o abismo onde empurra á sociedade enteira esa tempestade de erros (...), políglota e cosmopolita, que se titula a Asociación Internacional”.

Doc.4.-En marzo de 1917, este Manifesto conxunto da UGT e a CNT propón a folga xeral, que sería definitivamente convocada en agosto:

O proletariado organizado chegou así ao convencemento da necesidade da unificación das súas forzas nunha loita común contra os amparadores da explotación erixida en sistema de goberno. E respondendo a este convencemento, os representantes da Unión general de Trabajadores e os da Confederación Nacional del Trabajo acordaron por unanimidade: Primeiro: (...) co fin de obrigar ás clases dominantes a aqueles cambios fundamentais de sistema que garantan ao pobo o mínimo das condicións decorosas de vida e de desenvolvemento das súas actividades emancipadoras, imponse que o proletariado empregue a folga xeral, sen prazo definido de terminación, como a arma máis poderosa que posúe para reivindicar os seus dereitos”.

COMPOSICIÓN:

A continuación preséntasenos un conxunto de documentos que nos vai permitir disertar sobre a evolución do movemento obreiro en España dende as súas orixes até o período da crise da Restauración, no primeiro terzo do século XX.

O concepto “movemento obreiro” fai referencia ao conxunto de actividades desenvolvidas polos traballadores ao longo dos séculos XIX e XX na consecución de melloras laborais e salariais.
Na nova sociedade de clases que substituiu ao Antigo Réxime e, coa introdución da industrialización e o desenvolvemento capitalista na España liberal, repítese o proceso de antagonismo entre a burguesía e o proletariado que se deu no resto de países alcanzados pola Revolución industrial.
O proletariado, a clase traballadora, non alcanza importancia numérica significativa no noso país ata o século XX, e vaise concentrar nas zonas industriais, como Cataluña, País Vasco, Asturias e, en menor medida, os centros mineiros de Andalucía. Está formado por traballadores procedentes do campo (éxodo rural) e dos talleres artesanais que sucumbiran fronte a competencia das máquinas.
As condicións de vida dos traballadores eran durísimas: longas xornadas, salarios ao nivel de subsistencia, ausencia de dereitos, sometemento ao ritmo das máquinas, falta de medidas de seguridade e hixiene no traballo ou calquera tipo de cobertura social (seguro de accidentes, de desemprego, etc.)... As familias dos barrios obreiros vivían amoreadas en condicións de miseria extrema e insalubridade, carentes dos mínimos servizos.
Asemade, tanto na agricultura, como nas fábricas ou nas minas, o emprego de man de obra infantil – xa desde os seis anos- e feminina foi moi habitual, pois o menor salario que recibían fronte ao dun varón adulto animou a súa contratación por uns patróns ávidos por obter elevados beneficios.

A historia do movemento obreiro en España experimenta unha evolución que vai dende as primeiras reaccións contra o uso das máquinas ata a implantación de organizacións sindicais – algunhas aínda vixentes na España actual- logo da adquisición por parte dos traballadores do que se coñece como “conciencia de clase”, e da implantación das ideoloxías que xorden en Europa.

En paralelo cos inicios da industrialización e da introdución das máquinas, nas décadas de 1820 e 1830 xorden as primeiras protestas obreiras centradas na destrución e sabotaxe das máquinas, ás que ven como causantes da perda de postos de traballo e do empeoramento das súas condicións laborais. Estes movementos, chamados ludistas – en referencia a Ned Ludd, personaxe ficticio inglés a quen se lle atribuían os atentados contra as máquinas e cartas ameazantes contra os patronos de aquel país-  iniciáronse en Alcoi (1821) e Cataluña (1835) pero continuaron, como podemos ver no doc. 1, durante décadas en forma de actos puntuais e de escasa repercusión, -tal que é o caso das obreiras da fábrica de tabacos coruñesa-, xa que se trataba de movementos esporádicos, de escasa planificación e duramente reprimidos e castigados polas autoridades.

Inicialmente, a lexislación liberal española, en apoio da liberdade de mercado e de empresa, prohibía a formación de asociacións, polo que, nos primeiros tempos, o asociacionismo obreiro estivo proscrito e, no seu lugar, imitando ás antigas asociacións gremiais, xurdiron sociedades de carácter mutualista e benéfico - similares ás Sociedades de Socorros Mutuos británicas- para poder facer fronte, a través de montepíos e cooperativas de axudas, ás continxencias propias dunha enfermidade, un despedimento ou a morte dun obreiro. En calquera caso, e xa dentro da clandestinidade, estas sociedades mantiñan igualmente o debate en torno á procura de melloras salariais e de regulamentación do traballo – en especial a xornada laboral- así como a formación de caixas de resistencia coas que afrontar unha folga.

A folga foi e segue a ser o medio máis eficaz de loita cando as negociacións entre patróns e obreiros non chegan a un acordo: un acto de forza, deixando o traballador de producir, para provocar que o patrón se pregase ás demandas. Pero a folga tivo ao longo deste período tamén un carácter revolucionario, cando se trataba de folgas xerais que sumaban peticións de cambios políticos a aquelas de índole laboral.

Durante o Bienio Progresista (1854-56) do reinado de Isabel II, como se pode apreciar no doc. 2, boa parte das reivindicacións obreiras se centraron en conseguir superar as barreiras legais que impedían o asociacionismo. Neste documento, dirixido ás Cortes, apréciase como, a parte de facer unha descrición das condicións de vida dos traballadores e as súas familias, demandan o libre exercicio do dereito de asociación con fins reivindicativos na relación patrono-obreiro, superando o fin asistencial das sociedades de socorro mutuo, pero, á vez, sen pretender poñer en perigo nin a libre competencia, nin a propiedade privada; nin sequera demandar do Estado a obriga de dar unha cobertura social aos cidadáns.

En 1864 fundase en Londres a a Primeira Internacional (AIT), co obxectivo de potenciar a unión e a loita dos traballadores pola súa emancipación en todo o mundo. Tras a revolución de 1868, a “Gloriosa”, e grazas ao recoñecemento de maiores liberdades, as doutrinas da AIT difundíronse por España. Nesta tarefa destacou Giuseppe Fanelli, seguidor das ideas anarquistas de Bakunin. O seu labor de propaganda deu lugar en 1870 en Barcelona á formación da Federación Rexional Española (FRE), organización constituída por distintas seccións obreiras e integrada na AIT, que se expandiu por toda España, tanto nas zonas industriais como entre os traballadores agrícolas. Chegou a ter case 40.000 afiliados. Pola súa parte, a finais de 1871, Paul Lafargue, xenro de Marx, contactara cos medios internacionalistas españois formando en Madrid un pequeno grupo marxista, a Nova Federación Madrileña, cuxo propósito era a fundación dun partido obreiro.

A FRE suscitou un forte temor entre o empresariado e os políticos moderados, tal e como se deixa entrever no doc. 3, de aí que tras os sucesos da Comuna de París (1871) e o levantamento popular en Alcoi de 1873 -no que participaron numerosos internacionalistas-, se prohibisen as súas actividades en 1874 coa chegada da Restauración borbónica. En liñas xerais a Restauración significou un paro no movemento obreiro, xa que as asociacións estiveron prohibidas e a actividade sindical desenvolveuse na clandestinidade, o que se traduciu nunha radicalización revolucionaria.

As disputas existentes no seo da AIT entre Marx e Bakunin propiciaron unha crecente separación entre marxistas e anarquistas. Os primeiros crían na loita de clases para modificar a sociedade a través da revolución obreira, protagonizada por un proletariado organizado en sindicatos e partidos políticos obreiros. Conquistado o poder polos traballadores, debían impoñer a abolición forzosa da propiedade privada e dos medios financeiros de produción – a ditadura do proletariado-, que pasarían ao Estado. Na nova sociedade socialista todos os individuos terían iguais condicións de vida grazas á colectivización dos medios de produción.

En canto aos anarquistas, o seu obxectivo era a transformación revolucionaria e total da sociedade capitalsita mediante a destrución do Estado e a eliminación de todas as estruturas e institucións que significasen a prevalencia dunha autoridade (política, relixiosa, familiar, económica ou militar). Coinciden na eliminación da propiedade privada e das diferenzas socioeconómicas, pero renuncian á loita política como medio para lograr a transformación da sociedade – de aí que propugnen o abstencionismo e o retraemento eleitoral-, recaendo esa responsabilidade nos traballadores, especialmente o proletariado agrario, que se organizarían en comunas autoxestionadas, onde a autoridade fose substituída pola solidariedade e os acordos libres.
O anarquismo viviu fortes discrepancias internas en razón dos métodos suxeridos para levar a cabo os seus obxectivos: folga xeral revolucionaria, creación de sindicatos, organizacións clandestinas... pero tamén a través do emprego da violencia e do atentado como propaganda activa.

En España esa ruptura se produce no Congreso da AIT de Córdoba de 1872-73, que confirmou o predominio anarquista.

A represión do sindicalismo polos conservadores durante os primeiros tempos da Restauración fixo que os traballadores visen nos seus gobernantes aos defensores dos patronos das industrias urbanas e dos terratenentes do campo. A violencia campesiña e os atentados terroristas sucedéronse desde 1881. A chegada de gobernos liberais con Sagasta á cabeza propiciaron a consolidación de movementos obreiros organizados, tras a súa legalización coa Lei de Asociacións de 1887

Os anarquistas, obreiros cataláns e campesiños andaluces principalmente, crean a FTRE (Federación de Trabajadores de la Región Española) para organizar un sindicato e defender ao proletariado por medios legais. Porén, unha parte dese anarquismo en Andalucía, nomeadamente en Cádiz, organízase en torno á Mano Negra, partidaria das accións directas e da violencia como resposta ás negativas dos terratenentes ás peticións de subas salariais e da regulación do traballo a destallo, materializadas en folgas, revoltas, incendios, asaltos a tendas... En 1888 a FTRE disolveuse e os grupos anarquistas só logran poñerse de acordo esporadicmaente, nas convocatorias de folga e manifestacións que desde 1890 celebran o 1º de Maio. Durante a Semana Tráxica de Barcelona (1909) reaccionaron ante a represión destada polo goberno de Maura coa fundación do sindicato CNT (Confederación Nacional del Trabajo), que vai defender a folga social revolucionaria como táctica esencial da clase traballadora, sen participar no xogo político e só na negociación directa cos empresarios.

Os socialistas, baixo a dirección de Pablo Iglesias, fundan o PSOE, de tendencia marxista e o sindicato UGT (1888), ligado ao partido. Comezaba así o leve ascenso do socialismo, que vai gañando adeptos principalmente nas grandes cidades, sen sufrir os altibaixos que tiñan as organizacións anarquistas. PSOE e UGT combinan folgas e manifestacións coa súa particpación nas eleccións.

Para rematarmos, faremos referencia á unidade circunstancial de marxistas e anarquistas xa ben entrado o século XX. Tal como figura no doc. 5, ugetistas e cenetistas van protagonizar as folgas xerais de 1917, no marco da crise que sufreu o sistema político da Restauración. Por vez primeira en moito tempo, todo o movemento obreiro, suscribindo o manifesto que se nos presenta, estala coa convocatoria de folga de ferroviarios valencianos, aos que se sumarán en agosto dese ano os de toda España. O seu obxectivo, como consecuencia do malestar social xerado polas alzas dos prezos, non era outro que o derrocamento do réxime e a convocatoria de Cortes constituíntes. 

martes, 8 de novembro de 2016

HISTORIA DO MUNDO CONTEMPORÁNEO - 1º BAC/BACAD

TAREFA Nº1 DO PRIMEIRO TRIMESTRE: A UNIÓN EUROPEA




Esta tarefa trimestral, na que ides traballar, POR PARELLAS, 4 estándares de aprendizaxe, ten unha valoración de 16 puntos. Deberedes presentala a ordenador e EN GALEGO. Valorarase a limpeza, orden, data de entrega (data tope o martes 29 de Novembro de 2016).

PRIMEIRA PARTE DA TAREFA:

Estándares que ides traballar: 

HdMCB9.3.1. Elaborar eixes cronolóxicos sobre o proceso de construción da Unión Europea.
HdMCB9.4.1. Relacionar razoadamente as institucións da Unión Europea cos obxectivos que esta persegue.

A información que precisades está na seguinte ligazón:


  • Facede un eixo cronolóxico da construción desta organización supranacional desde a Creación do BENELUX  ata o referéndum británico en torno ao BREXIT

Estes son os acontecementos, desordeados, dos que tes que buscar as datas e situar no eixe cronolóxico (pódelo facer en horizontal ou vertical) :

Tratado constitutivo da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA)Creación do BENELUX - Acta Única Europea - Tratado de Lisboa - Tratado de AmsterdamReino Unido aproba en referéndum o “BREXIT” (saída da UE) - Tratado de Niza  - Premio Nobel da Paz para a UE - Tratado de Roma (Constitutivo da CEE e EURATOM) - Tratado da Unión Europea ou de MaastrichtEmisión de euros como moeda común para 12 paísesSinatura do Convenio de SchengenEntra en vigor a PAC (Política Agraria Común)

  • Indicade cales foron os países membros fundacionais e as posteriores adhesións nos anos:


  1. 1957: 
  2. 1973: 
  3. 1981: 
  4. 1986: 
  5. 1995: 
  6. 2004:
  7. 2007: 
  8. 2013: 

  •  Explicade cales son as condicións de entrada que impón a UE para calquera país que se presente como candidato a adherirse:



  • Indica cales son os obxectivos e funcións de cada unha das seguintes institucións da UE,a través dunha táboa semellante a esta:

INSTITUCIÓN
SEDE
FORMADO POR
DURACIÓN DO MANDATO
FUNCIÓNS
Parlamento Europeo




Consello Europeo



   
Consello da Unión Europea (antigo Consello de Ministros)





Comisión Europea




Tribunal de xustiza



  
Tribunal de Contas





----------------------------------------------------------------------------------------------------------------

SEGUNDA PARTE DA TAREFA:

Estándares que ides traballar: 

HdMCB10.3.1. Identificar os retos actuais da Unión Europea a partir de novas xornalísticas seleccionadas.
HdMCB10.3.2. Explica comparativamente os desaxustes da Unión Europea na relación con outros países ou áreas xeopolíticas.

  • Explicade cales son os retos aos que se ve enfrentada a Unión Europea actualmente refundindo a información que aparece nas seguintes ligazóns e utiliza as imaxes inferiores para ilustrar cada unha das explicacións: 
http://www.20minutos.es/noticia/2837042/0/retos-union-europea-nuevo-curso-brexit-refugiados/

http://www.eltiempo.com/mundo/europa/union-europea-y-sus-problemas/16502858

http://www.ellitoral.com/index.php/diarios/2016/09/13/internacionales/INTE-02.html

http://www.lainformacion.com/brexit/euroescepticos-paises-Union-Europea_0_929007476.html