Os seguintes documentos serven de base para realizar
unha composición sobre o desenvolvemento económico español no século XIX, centrando
a atención na industria. Como punto de partida, o Doc.1 chama a atención sobre
o contraste centro-periferia. O Doc.2 permite comentar as características do
desenvolvemento ferroviario español, tanto no seu papel de artellador do
mercado interior como de incentivador de diversas actividades económicas,
mentres os Docs.3 e 4 atenden respectivamente a dous sectores clave, como son o
siderúrxico e o téxtil. Por último, o Doc.5 complementa a información
subministrada nos anteriores e permite realizar unha valoración global do
desenvolvemento decimonónico.
Doc.1.-En
1843, Jaime Balmes expoñía a escasa capacidade da capital do Estado para servir
de motor do desenvolvemento económico español:
“Cabalmente temos
en España un atranco gravísimo que inflúe máis do que se cre en paralizar o
noso desenvolvemento e en facer inútiles os mellores desexos. A vida de España
está nas extremidades; o centro está exánime, fraco, frío, pouco menos ca
morto. Cataluña, as provincias Vascongadas, Galicia, varios puntos do mediodía,
ofrécennos un movemento, unha animación da que non participa o corazón de
España. Londres é digna capital da Gran Bretaña, París, de Francia; na
actividade, na vida da que rebordan aquelas cidades vedes as indispensables
condicións da cabeza dun gran corpo. En Madrid e en
tódolos arredores a longuísima distancia nada parello atoparedes. Nin
agricultura, nin industria, nin comercio”.
doc. 2 . O seguinte mapa amosa as liñas ferroviarias construídas entre 1848 e 1868 en España
doc. 4: Importación de algodón en rama pola aduana de Barcelona 8en milleiros de toneladas)
doc. 5.: O historiador Gabriel tortella valora así o esforzo industrializador na España do s. XIX
Os seguintes documentos que imos analizar fan referencia ao desenvolvemento da economía española durante o século XIX.
doc. 5.: O historiador Gabriel tortella valora así o esforzo industrializador na España do s. XIX
Os seguintes documentos que imos analizar fan referencia ao desenvolvemento da economía española durante o século XIX.
Ao longo do século XIX, xa
dende as primeiras décadas, atopámonos en España co inicio da
industrialización, malia que os seus
progresos foron inferiores aos dos países máis avanzados de Europa Occidental –
como Inglaterra e Francia-, mesmo aos doutros países que comezaran a súa
industrialización máis tarde – caso de Alemania ou Suecia.
industrialización máis tarde – caso de Alemania ou Suecia.
Porén, este retraso na
industrialización é xeralizado nos países mediterráneos (Italia, Portugal…),
falando algúns historiadores dun patrón latino de modernización.
O proceso industrial
español do período liberal caracterízase por:
Predominio das actividades do sector primario (mineiría, transformación
agrícola e pesca); protección
arancelaria para frear a competencia internacional; dependencia do estranxeiro
en tecnoloxía e capitais; e un forte desequilibrio territorial e rexional,
con áreas atrasadas e focos desenvolvidos, característica que se reflicte
claramente no doc. 1 escrito en 1843
por Jaime Balmes. Neste documento o autor, publicista e filósofo da época,
analiza o forte contraste entre o interior e a periferia, cunha capital do
Estado atrasada, o que frena o
desenvolvemento económico español.
No panorama xeral español
aprécianse, por tanto, importantes diferencias rexionais, con zonas atrasadas e
focos desenvolvidos como Catalunya e o País Vasco. A excepción deses focos, o
que segue predominando no país son as actividades agrarias.
Paralelamente, a falta de
renovación técnica e a mentalidade conservadora dos propietarios permitiron o
mantemento dunha agricultura tradicional. Dese xeito, a agricultura non puido
tampouco actuar como motor da industrialización. A isto hai que lle engadir a reducida capacidade de consumo do mercado interno, xa que os baixos ingresos do
campesiñado e dos obreiros, non lles permitía mercar produtos.
Por outra banda, os produtos españois non podían competir no
mercado internacional polo seu elevado custe de produción (dependido da escasa
tecnoloxía e dos obstáculos e barreiras físicas e naturais), o que obrigaba
ás autoridades a desenvolver unha política proteccionista.
Se ben foi aplicado o
proteccionismo fronte aos mercados internacionais, no caso do mercado interno
buscáronse fórmulas para conseguir unha maior integración e funcionamento
deste. Para iso, a lexislación liberal
aboliu os obstáculos legais contrarios á liberdade de circulación e produción
de bens, como, por exemplo, a supresión de aduanas e aranceis interiores, a
liberdade de produción e venda, ou a unificación de pesos e medidas.
Á par destas medidas, o
Estado procurou a construción de
mellores vías de comunicación, levando a cabo unha renovación dos
transportes e comunicacións. Esta renovación permitiu o movemento de grandes
cantidades de mercancías e a maior celeridade, permitindo o descenso dos prezos
do produtos.
A introdución en España do
ferrocarril – considerado por todos como símbolo de progreso e modernización-
foi relativamente tardía; non sería até 1848 cando entrou en funcionamento a
primeira liña férrea de transporte de viaxeiros, entre Barcelona e Mataró, para
continuar coas de Madrid-Aranjuez e Langreo-Gijón.
A rede ferroviaria adoptou
unha disposición radial nas súas liñas principais, tomando Madrid como punto de
partida co obxectivo de unir centro-periferia, como se pode apreciar no doc. 2. Nese
mapa amósanse as liñas ferroviarias construídas entre 1848-68.
Na construción dos trazados ferroviarios diferenciamos varias fases:
·
Antes de 1855 só se construíran 440 km de liña,
repartidos por puntos concretos de Barcelona, Madrid e Asturias.
·
Entre 1855 e 1866 a construción foi a bo ritmo, grazas ao apoio estatal
e os investimentos estranxeiros, sendo, como se aprecia no mapa, 1865 un ano
récord.
·
Entre 1866 e 1876, e debido ao atraso xeral do país, non se produciran
os beneficios esperados, polo que se optou pola paralización da construción de
novas vías.
·
No período 1877-96 prodúcese unha revitalización da infraestrutura
ferroviaria que vén da man de grandes compañías que explotan a concesión do
servizo.
·
Entre 1896 e 1936 a tendencia anterior continuou máis lentamente,
rematándose a rede ferroviaria cunha
importante aportacion estatal.
En liñas xerais podemos dicir
que o impulso do ferrocarril veu case sempre da man dos gobernos progresistas,
quen consideran este medio de transporte como símbolo de progreso e
modernizacion. Deles partiu a Lei Xeral de Ferrocarrís de 1855 que, entre
outras medidas, establecía o deseño do trazado radial – agás no Ebro e a costa
Mediterránea, como vemos no documento- e a construción promovida tanto por
parte do Estado como de compañías privadas, así como a posta en explotación das
liñas ben directamente, ben a través de concesións a particulares por 99 anos.
O Estado garantiulles aos
investidores privados vantaxes e subvencións, ao tempo que permitiu a
importación de toda clase de maquinaria e tecnoloxía foránea. O financiamento
recaiu en tres fontes de recursos: a subvención estatal – obtida a través da
desamortización de Madoz (1855)-, capital en mans de accionistas, e o líquido
das obrigacións que emitían as propias compañias ferroviarias. Ese capital foi
maioritariamente francés.
Dadas as características do
relevo español, optouse por vías cun ancho maior cás do resto de Europa, o que
dificultou a conexión cos trazados europeos.
O papel do ferrocarril no
desenvolvemento económico español, segundo algúns historiadores, foi importante
polo feito de permitir a comunicación interior, facilitando o comercio de
mercadorías nun país con grandes dificultades orográficas. Sen embargo, outros
historiadores afirman que, ao pernitirlle ás compañías ferroviarias importar
todo o material necesario para á súa implementación, a industria siderúrxica
nacional viuse prexudicada.
Este sector
sidero-metalúrxico foi precisamente o que marcou os inicios da industrialización
en distintas áreas do territorio español, como podemos ver representado no mapa
do doc. 3. Móstransenos os
principais enclaves siderúrxicos á altura de 1866: Asturias, País Vasco,
Cataluña, Andalucía e, con moitísima menor importancia, a provincia de Toledo.
En Andalucía, entre 1830 e
1870, os intentos de crear unha siderurxia propia (Málaga, Marbella, Sevilla)
que paliase a dependencia das importacións, fracasaron, non entanto, debido aos
elevados custes de produción. De nada serviron o inicio temperán da actividade
siderúrxica ou que cara a metade do século cubrisen o 85% do ferro coado de
España para frear a competencia dos produtos estranxeiros e máis das
instalacións do Norte peninsular.
En Asturias e o País Vasco,
o sector clave na industrialización foi o siderúrxico vencellado ao desenvolvemento das
explotacións mineiras. A explotación masiva de carbón en Asturias data da
década de 1840, coa posterior instalación de altos fornos e de diversas
empresas metalúrxicas, en moitos casos participadas por capital estranxeiro. O
proceso industrializador presentou numerosas dificultades ocasionadas, sobre
todo, pola mala calidade do carbón – de escasa capacidade calorífica- e do tipo
de minas, soterradas. Debido a isto, o carbón resultaba caro e non podían
competir co carbón británico, aplicando o Estado unha política proteccionista
para facilitar o seu desenvolvemento.
No País Vasco, a
industrialización xirou arredor da explotación de mineral de ferro, moi
abundante e de calidade. A exportación do ferro xerou importantes capitais, e
isto, unido á importación de carbón barato inglés transportado nos barcos
mercantes nas viaxes de retorno, permitiron crear na Ría de Bilbao, en torno ao
final do século, o maior foco siderúrxico de España (entre 1880 e 1930
producirá máis do 50% do ferro español), cos Altos Fornos de Biscaia á cabeza.
No que respecta a Cataluña,
ali tamén se experimentou a implantación da industria sidero-metalúrxica, pero
coas limitacións derivadas da necesidade de adquirir o ferro bilbaíno. Con
todo, Cataluña foi a principal zona industrial de España debido aos seus niveis
de produción e á súa diversificación, ligados maiormente ao sector téxtil. Contando
cunha vella tradición artesanal, a fins do século XVIII e inicios do XIX, produciuse
a constante renovación da produción téxtil coa introdución do algodón (as
“indianas”), a mecanización do seu fiado
e tecido, e o reinvestimento constante dos capitais. A partir de 1832
utilízanse as máquinas de vapor. O seu crecemento e a auxe da industria do
algodón pode verse reflectida na gráfica do doc.4, na que se representa a evolución da importación de algodón
en rama pola alfándega de Barcelona. Na mesma pódese ver cómo ao longo do
século XIX esta importación foi en aumento, especialmente a partir de 1865,
chegando prácticamente ás 85.000 Tm a fins de século. O seu crecemento estivo
baseado na reserva en exclusiva do mercado interior español (proteccionismo
arancelario) e, até 1898, do mercado de Cuba.
En Cataluña desenvolvéronse
tamén outros sectores industriais como a metalurxia de transformación, a
industria química, papeleira e editorial, así como a de transformación agrícola
(cortiza, cavas...).
Como consecuencia de todo o
anteriormente exposto, podemos concluír dicindo que, en liñas xerais, en España
produciuse un desenvolvemento industrial ao longo do século XIX que se
consolidou sobre determinados focos rexionais, á vez que se formaba un mercado
interior organizado, apoiado na rede ferroviaria e un sistema bancario e
financeiro. Porén, non hai que esquecer que o proceso de industrialización e
comercial foi moderado nese século e comezos do XX; mesmo en determinados
momentos débil, tal como se indica no doc.
5. O historiador Gabriel Tortella afirma que, se ben houbo un importante
esforzo industrializador na España do XIX, os resultados non foron os
desexados. As transformacións industriais foron lentas e de menor profundidade
e repercusión social que en países como Inglaterra ou Francia.
A diferencia de Inglaterra,
en España a revolución industrial non nace precedida dunha revolución agrícola.
A agricultura seguía ancorada no Antigo Réxime, condicionando a producción do
campo e a propiedade da terra. Para a burguesía liberal, a única forma de
conseguir un maior desenvolvemento nese eido que constribuíse ao aumento da
riqueza e da prosperidade xeral, era levar a cabo unha reforma agraria que
convertise a propiedade da terra nun ben libre, privado e individual. Foron os
gobernos liberais progresistas, principalmente, quen implementaron esta
reforma, principlamente a través das medidas desamortizadoras, consistentes na
na venda en pública poxa dos bens e terras en mans mortas (Igrexa, comunais e
concellos). O historiador Tortella recoñece no doc. 5 a importancia destas
desamortizacións na transformación do réxime de propiedade da terra e a
consolidación do liberalismo.
Sen embargo, estas medidas foron unha ocasión perdida para lograr que
unha gran parte do campesiñado puidese acceder á compra desas terras. Tamén se
culpa á desamortización de ter contribuído ao atraso da industrialización polo
desvío de recursos financeiros cara á compra de terras en lugar de investir na
industria.
En xeral, os capitalistas
españois realizaron escasos investimentos productivos, de modo que foron os
capitais estranxeiros os que dominaron as principais actividades productoras e
rendibles do Estado. Tan só en Cataluña foron importantes os esforzos dos
empresarios por crear unha industria potente, reinvestindo as súas ganancias,
como sinala unha vez máis Tortella. Non podemos obviar igualmente o desenvolvemento e perfeccionamento
do sistema bancario cos gobernos liberais que contribuirá ao crecemento
industrial, do ferrocarril ou da propia Administración do Estado. Bancos,
sociedades de crédito, sociedades por accións ou a Bolsa, convertéronse nos
instrumentos necesarios para a captación do aforro privado e o financiamento
dos investimentos.
Xa como conclusión, podemos
afirmar que a España liberal do século XIX coñeceu un desenvolvemento económico
e industrial, malia que teña sido dunha maneira máis lenta e feble do que
noutros países de Europa Occidental.