Powered By Blogger

xoves, 3 de outubro de 2013

UNHA LENDA DE MOUROS


"Encima da pila (refírese a unha pila megalítica emprazada nun lugar alto perto da aldea de Francelos, pertencente ao termo municipal e parroquia de Ribadavia) púñase ás veces unha moura que peiteaba os seus cabelos cun pente de ouro. Eran moitos os que de lonxe a viran, pero ninguén se achegou a ela polo temor que inspiran as cousas que non son do noso mundo. Pero un día, un mozo máis valente que os demais se achegou até alí, e entablou conversación coa moura, quen lle contou que tanto ela como un grande tesouro que lle pertencía estaban encantados, e que se el quería axudarlle viñera unha noite que determinarían, e que se lle presentaría en figura de serpe cun caravel na boca, e que el, que estaba demostrando grande valor polo simple feito de manter aquela conversación, non tería que facer outra cousa que deixarse abrazar polo reptil e retirar cos seus beizos o caravel que a serpe levaría na boca. Foi o mozo á pila onde a moura soia peitearse na noite que sinalaron; apareceu o reptil co caravel na boca, tal e como llo anunciaran, avanzou até el, envolveuno nos seus aneis e presentoulle, perto dos seus beizos a flor para que el lla arrebatara, pero o mozo, ao verse naquela situación, sobrecollido de medo ou de asco, soltouse violentamente da serpe, que caeu morta, e no mesmo instante o monte no que estaban tremeu cun ruido enorme, e fíxose chao como está hoxe, e como recordo de tal suceso inda se chama a aquel sitio Chao da Moura".

Lenda referida por Florentino Cuevillas





EMPEZAMOS NOVO CURSO....


....e ímolo facer traendo a este blog novos recursos, como, por exemplo, este video referente ao megalitismo, xa que temos alumnado novo no módulo III que descoñecía este fenómeno de finais do Neolítico e comezo da Idade dos Metais: