Powered By Blogger

xoves, 2 de maio de 2013

A SEMANA TRÁXICA DE BARCELONA (1909)

Estes días andamos a voltas cun tema novo, nesta ocasión da Historia de España. O tema 14 fala de tempos de confrontación, desde a chegada de Alfonso XIII á súa maioría de idade até a Guerra civil de 1936-1939.

Tomo desta interesante páxina http://www.vadehistoria.com a seguinte información sobre os acontecementos que se sucederon no verán de 1909 en Barcelona, moi relacionados coa aventura colonial africana.

A SEMANA TRÁXICA.

Como xa é sabido a España asignóuselle a zona norte de Marrocos para establecer o seu protectorado. Ao mesmo tempo que os países europeos fundamentaban unha política colonial, formáronse unha serie de movementos políticos anticolonialistas, na maioría dos casos de orixe marxista. Eles foron os que se opuxeron firmemente contra a guerra de Marrocos española e, en xeral, contra o militarismo que se afianzaba neses momentos en Europa.

A partir da Conferencia de Alxeciras de 1906, celebrada entre España e Francia e onde, entre outras cousas, recoñecíase o sur de Marrocos como área de influencia francesa, en tanto que España ocuparía a zona ao norte da cordilleira do Rif, os partidos socialistas español e francés radicalizaron as súas posturas, celebrando en ambos países mítines multitudinarios que denunciaban a intervención que Francia e España estaban dispostas a cometer en Marrocos. Será a vangarda proletaria española a primeira en criticar a guerra de Marruecos.

O punto máis álxido de todas estas protestas tivo lugar entre xullo e agosto de 1909. Cataluña, e especialmente a cidade de Barcelona, como o núcleo máis importante de industrialización de España, contaba cun forte e organizado movemento obreiro. O anarquismo ten unha forte implantación en todo o territorio en contra do que sucedía no resto do Estado, onde o sindicalismo de raíces socialistas marxistas era amplamente maioritario.

Á tradición reivindicativa do proletariado catalán isto hai que unirlle, como outras características básicas, o anticlericalismo como síntoma do desprezo que as clases proletarias tiñan cara a unha Igrexa que fora puntal de protección das clases máis favorecidas, o federalismo antiestatal republicano e a ideoloxía antiautoritaria tan arraigada na sociedade catalá, ademais, como non, das reivindicacións nacionalistas. Este era, xa que logo, o caldo de cultivo que se podía atopar en Cataluña pouco antes que estalase a Semana Tráxica. Tan só faltaba un reactivo, un reactivo que estaba a piques de xurdir.

 A chamada de "Reservistas", na súa maioría traballadores e pais de familia, a filas polo goberno de Maura ante o cariz que estaban tomando os acontecementos en Marrocos, propiciou que en España se preparare unha folga xeral para o 2 de agosto, que en Cataluña se adiantou ao 26 de xullo polo chamamento da organización cuasi anarquista de Solidaridad Obrera, e que tivo un amplo seguimento. O ministro de Gobernación do gabinete presidido por Maura, recorreu ao Exército para acabar coa folga, pese á oposición do gobernador civil.


O goberno decretou así mesmo e torpemente o estado de guerra. Ao día seguinte, as primeiras noticias  que daban conta do chamado "Desastre do Barranco do Lobo", preto da poboación de Melilla, desencadearon unha auténtica insurrección cidadá, cuxo momento culminante foi o día 28 de xullo. Os manifestantes levantáronse contra unha monarquía e un goberno que enviaba aos pobres de España á defender as concesións mineiras de Marrocos, a defender os dereitos dos ricos. Estalaba así a chamada Semana Tráxica para algúns ou Semana Gloriosa para outros (esta denominación foi acuñada por Pablo Igresias). O foco máis importante foi a cidade de Barcelona, prácticamente desprovista de tropas e onde a policía mostrábase claramente ineficaz desde longo tempo atrás, máis de medio centenar de edificios, moitos deles relixiosos, foron asaltados cando non incendiados e produciuse un centenar de mortos polos combates nas rúas contra as forzas da orde. Finalmente o 31 de xullo, e non sen problemas, Barcelona e o seu cinto industrial quedaron totalmente illados do resto da península, o goberno desbaratou a insurrección nas principais localidades afectadas e, a primeiros do mes seguinte, devolveu a calma a todo o territorio sublevado á vez que despregaba, como era de prever, unha contundente represión.

A liquidación dos sucesos quedou baixo xurisdición militar, e a falta de previsión á hora de controlar aos tribunais militares e os seus excesos á hora de xulgar os feitos colocou ao partido conservador de Maura entre as cordas.
Todos estes acontecementos, sumados ao que estaba pasando na impopular guerra de África motivaron que moita da sociedade intelectual española se decantara, como non, en dous bandos.

A procura de responsabilidades polo acontecido en Barcelona dirixiuse tanto ao nacionalismo catalán como ao republicanismo anticlerical de Alejandro Lerroux, quen, de feito e para ser certos, negouse firmemente a prestar o seu apoio á instauración da forma de goberno republicana que apoiaban algúns dos sublevados. Se certamente se queimaron igrexas foi porque o pobo asimilaba e estaba cansado de ver como constantemente as altas -e ata nalgunhas ocasións, as baixas- xerarquías desa institución se decantaban sempre no apoio das clases privilexiadas. En 1909 a Igrexa era a máis firme valedora da burguesía.

A Semana Tráxica concluíu saldándose con máis dun milleiro de arrestados e 17 condeados a morte, 5 dos cales foron finalmente executados. Entre estes atopábase o pedagogo de ideoloxía anarquista Francesc Ferrer i Guàrdia, fundador da Escola Moderna e detido sen ningún tipo de proba, responsabilizado dos recentes feitos barceloneses da Semana Tráxica por un tribunal militar (ocorridos a finais de xullo e nos cales non participara) e fusilado o 13 de outubro dese ano na prisión militar barcelonesa do castelo de Montjuïc, malia a profunda campaña de solidariedade que se organizou en toda Europa, desde Budapest a Trafalgar Square . A súa inxusta e caprichosa morte, que debía ser un duro escarmento para todos aqueles que simpatizaran coas ideas anarquistas (tan arraigadas na Cidade Condal) converteulle en mártir da educación laica.
En Bruxelas (Bélgica) levantouse un monumento na súa memoria, moitos anos deberon transcorrer, por causas de todos coñecidas e que non necesitan explicación, para que se lle levantase outro na cidade de Barcelona. Houbo tenues palabras de protesta no Parlamento, como as de Melquiades Álvarez (2).

Pola súa banda, a presión exercida por algúns dirixentes do Partido Liberal en contra das decisións adoptadas polo goberno español a raíz dos acontecementos ocorridos en Barcelona, obrigou ao rei Alfonso XIII a retirar a confianza ao goberno conservador presidido por Maura e a entregarlla a Segismundo Moret. Segundo palabras de Raymond Carr: "Alfonso XIII viu que o partido Liberal tiña a súa utilidade: era unha válvula de seguridade para salvar ao trono da revolución, que a intransigencia de Maura ameazaba con producir antes que evitar" . A actitude que o partido conservador mantivera ante os sucesos da Semana Tráxica supuxo a radical ruptura do chamado "Pacto do Pardo", que servira desde 1885, ano da morte de Alfonso XII e rexencia de María Cristina e que nacera grazas ao consenso dos dous partidos políticos, liberal e conservador, coa pretensión de manter en pé o réxime.